Proxectarase en Pontevedra, Gondomar e A Estrada e contará coa presenza das autoras
A guerra civil tamén marcou para sempre a vida de millares de familias portuguesas. Cidadáns que vivían preto da fronteira ou traballaban en varias rexións españolas, víronse atrapados no conflito. Cando estalou a guerra en 1936 había 30000 portugueses emigrantes en España, constituíndo a comunidade estranxeira máis numerosa. Tres anos despois, a represión afectou, só na Galiza, a 370 veciños portugueses, constatando o asasinato de 68 persoas.
Na reportaxe "A guerra também foi nossa", a RTP conta historias inéditas de portugueses que, a pesar de non teren ido á fronte de batalla, foron fusilados ou desapareceron a mans das forzas franquistas. Oitenta anos despois percorren a raia luso-española, da Galiza ao Alentejo, do Minho a Andalucía e rescatan as historias destes portugueses e das súas familias rotas polo horror da guerra.
Entre esas historias destacan as de Manuel Graciano Araújo e Abílio Barbosa Araújo. Manuel, natural de Viana do Castelo, residía temporalmente na Estrada, onde traballaba como xornaleiro e canteiro. Membro do PCE, foi acusado de galeguista e comunista e internado no campo de concentración da Illa de San Simón. Posteriormente, foi xulgado en Pontevedra por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte e executado o 28 de decembro de 1936 na mesma cidade, rexistrándose a morte a causa de colapso cardíaco. Os seus restos repousan no cemiterio municipal de San Amaro da cidade do Lérez.
Abílio, nado en Paredes de Coura e residente en Gondomar, foi asasinado en 1937 no Rosal e soterrado pola veciñanza. O seu corpo foi exhumado en 2010 polo Instituto de Estudos Miñoráns, en colaboración con forenses do Instituto de Medicina Legal de Santiago.
"A Guerra também foi nossa" é unha reportaxe da xornalista Ana Luísa Rodrigues, con imaxes de Carla Quirino e edición de José Rui Rodrigues. Conta coa colaboración e asesoramento do investigador Dionisio Pereira, quen estará presente e varias das proxeccións.
A calidade do documental, de 44 minutos de duración, foi recoñecida o pasado mes de febreiro coa nominación aos "Prémios da Sociedade Portuguesa de Autores", na categoría de mellor programa de información televisiva.
Calendario de proxeccións:
- Pontevedra, martes 30 de maio ás 20:30 horas, no Arquivo Provincial (Rúa Pai Amoedo, 1), con Dionisio Pereira e Xosé Álvarez Castro
- Gondomar, mércores 31 de maio ás 20:30 horas, na aula de cultura de Ponte de Rosas, con Xilberte Manso, vicedirector do IEM, e Antonio Arauxo Quintas, tenente alcalde de Gondomar e neto de Abilio Araúxo, asasinado en San Xián (O Rosal)
- A Estrada, xoves 1 de xuño ás 20:30 horas, no Museo do Moble e da Madeira (MOME), con Dionisio Pereira