O colectivo Capitán Gosende descobre en Cerdedo dous raros morteiros de pedra e unha misteriosa cara tallada
Calros Solla
O pasado 9 de xaneiro, aldea por aldea, ocupados na catalogación dos reloxos de sol existentes na parroquia de Cerdedo, batemos con dúas pezas de pedra granítica de curiosa feitura no resío dun casar abandonado en Limeres. Os cachotes labrados, ocultos pola matogueira, amoreábanse a canda outros restos de pedra informe.
A peza de meirande tamaño semella un pé de canastro ou de emparrado. Nas inmediacións non atopamos vestixio da construción ou estrutura da que puidese provir. A súa feitura lembrounos o cotaño dunha árbore tallada e desenraizada. A base, sen cicelar, mide 47x35 cm. A cana, ben traballada, coma o toro dunha árbore de porte medio (uns 20 cm de diámetro), fai que o pedestal acade os 92 cm de altura. O corte da parte superior é plano.
A pedra pequena semella un morteiro, é dicir, un recipiente de material duro que se utiliza en usos domésticos ou en laboratorios para machucar certas substancias (dic. Rag). O morteiro acada os 48 cm de alto. Máis elíptico ca cilíndrico, as súas dimensións son de 32x26 cm. Na parte superior ábrese unha concavidade cónica de 24 cm de fondo e 15 cm de boca. As paredes interiores presentan o desbastamento propio do uso. Arredor da boca, tallóuselle un adobío moldurado. A base, de corte recto, presenta no centro unha pequenísima concavidade. Non se atopou o mazo ou esmagador que, coidamos, tamén debía ser de pedra. No tocante ao peso, o morteiro pode superar os 60 quilogramos, converténdoo nun utensilio pouco práctico e difícil de manexar.
Posto que, na morea, non atopamos outras pezas labradas, déusenos por pousar o morteiro enriba do pé. As pedras son da mesma natureza, mais a estabilidade do conxunto non resultou satisfactoria.
Feitas as preceptivas anotacións, procedemos a agochar no lugar o tesouro etnográfico, co obxecto de mantelo afastado de ollos agoadizos.
Consultados os nosos correspondentes comarcáns respecto ao suposto morteiro (mesmo auxiliados das fotografías), ningún deles lembrou ter visto ou empregado un útil das referidas características.
O morteiro do Meixoeiro
O achado do morteiro de Limeres ficaría en curiosa anécdota se, días despois, o inventario de reloxos de sol non nos levase á aldea de Fondós, na parroquia cerdedesa de Quireza.
Departiamos amigabelmente cos veciños do lugar do Meixoeiro, cando Alfonso, un dos nosos interlocutores, nos informou de que na eira da súa casa conservaba un obxecto de calidades semellantes. Esquecémonos por un instante dos reloxos de sol e dirixímonos con entusiasta curiosidade cara á vivenda do informante.
Alfonso relatounos que durante as obras de restauración da casa atopou, a carón dunha das paredes laterais do canastro e facendo as veces de pear, un piarote labrado de pedra de gran. Alfonso decidiu substituír o pear por uns pasos de pedra, acaroando dito pear a unha das cabeceiras do hórreo. Ao voltear o pial, o home descubriu que o extremo que se mantivera soterrado presentaba un buraco cilíndrico de 20 cm de diámetro e 17 cm de profundidade, con fondo cóncavo (a diferenza do morteiro de Limeres, cuxo buraco é cónico) e paredes luídas. O morteiro do Meixoeiro, cuadrángular de cantos amplos e arredondados, érguese do chan uns 53 cm (a parte enterrada acada os 20-30 cm). A súa largura (ou diámetro) é de 36 cm. A lonxitude total da peza pode acadar os 80 cm. A rente do chan, os catro cantos do pial perden a redondez e presentan catro saíntes achafranados.
Por se o achado, en poucos días, dun segundo morteiro non fose abondo, a inspección minuciosa da pedra do Meixoeiro fixo que advertísemos na parte inferior da face orientada cara ao sueste o baixorrelevo dun rostro humano. A efixie ten 22 cm de longo e 18 cm de largo. A silueta do rostro ten forma de améndoa, e as súas faccións graves lémbranos unha carauta, unha máscara teatral, ou as caras fúnebres talladas na cabeceira dalgunhas lápidas dos cemiterios cerdedeses, e en concreto ás do camposanto de Quireza (Os Castros).
A inopinada aparición deste rostro incrementa aínda máis o misterio dos supostos morteiros, xa que, ampliada a enquisa en busca de respostas, tan só puidemos obter vaguidades no tocante ao seu uso. Ninguén os identificou como morteiros e nin os máis vellos lembran telos usado, aínda que algúns afirmen, por saír do paso, que se trata dunha sorte de muíño, sen máis especificar o cereal que se moía neles.
Aconsellámonos noutros exploradores. No blog “O noso patrimonio”, xestionado polo compañeiro Xabier Moure, demos coa fotografía dun dos “cabezóns” da casa das tías Casildas, localizada no lugar de San Xiao, parroquía de Fontefría, no concello ourensán de Amoeiro. Ao respecto, no blog “Capítulo cero”, o compañeiro Manuel Gago engade reflexivo: Ao fondo da ruína, onde estaba o pozo, e á súa dereita, observamos unhas caras de pedra que aparecían en piares. Eran os cabezóns. Un motivo recorrente na Europa céltica, sempre ubicados en piares e dinteis. Os devanceiros das tías reaproveitaran os cabezóns no interior da casa, e eran como espectros silandeiros, como deuses lares misteriosos e calados [...] Non sei se son de orixe castrexa, ou foron labrados nese limbo cultural que inspira aos nosos canteiros populares ao longo dos séculos ata hoxe en día. Pero ver esa figuras arcaicas anima a pensar cantas outras estarán nas casas do noso rural, cantos tesouros do noso pasado, se cadra algúns reveladores, aínda sen coñecer. Se cadra esta sexa a segunda ruína na que teñan habitado estas caras; algún labrego novo debeunas rescatar hai dous ou tres séculos dalgures para decorar a súa casa, traéndoas para a aldea nun carro renxedor (do artigo: “Cabezóns na casa das tías Casildas”, 10-3-2008).
Pola banda do Capitán Gosende, prácenos hoxe pór no seu coñecemento o achado en Cerdedo de dous morteiros (ou nugalla) e compartir, asemade, a singularidade dos seus motivos decorativos. Velaquí, con todos vostedes, a “Carauta do Meixoeiro”. Que pretende o espectro, dándose agora a coñecer? Estamos convencidos de que os lectores nos axudarán a resolver os enigmas plantexados.
Nesta trasfega dos reloxos de sol, faise bo o vello dito: “un vai á feira por ranchos e volve con culleres”.