Calros Solla
Capitán Gosende documenta novas inscricións rupestres na zona afectada polo parque eólico.
Os proxectos de construción dos parques eólicos, denominados eufemisticamente con topónimos indíxenas (“Porto Vidros”, “Campo das Rosas”, “As Penizas”...), supoñen a enésima ameaza para o patrimonio histórico e cultural de Cerdedo e territorios adxacentes.
O pasado 2 de maio, membros do colectivo Capitán Gosende desenvolveron outra xornada de inspección do territorio afectado polo proxecto de construción do parque eólico “Porto Vidros”. A instalación industrial nomeada “Porto Vidros” (mellor, Bidros, variante de Bido, do céltico *betu: bidueiro (betula alba)) atangue as parroquias da Corredoira (Cotobade) e mais Pedre e Cerdedo (Cerdedo). Porto Bidros é un microtopónimo da aldea de Limeres (parroquia de Cerdedo).
A empresa Naturgy pretende instalar na zona tres aeroxeradores (T4-01, T4-02 e T4-03) de 138 m de diámetro de rotor e 81/94 m de altura de buxa.
A instalación do aeroxerador denominado T4-01 (coordenadas.- X: 546.728; Y: 4.707.192), o seu vial de acceso e a condución eléctrica soterrada causarán un grave dano á peneda de Penaquetanxe, na estrema entre as parroquias de Pedre (Cerdedo) e A Corredoira (Cotobade).
Eu mesmo recollín hai anos na aldea de Pedre a antiga tradición de empregar a rocha nomeada Penaquetanxe para esconxurar as tormentas, os tronos e as chispas, e mais os seus artífices: os seres míticos coñecidos por escoleres, tronantes ou nubeiros. Segundo a información recadada, os pastores que no alto daquel monte alindaban o gando, gorecíanse baixo o beirado rochoso e, ao tempo que batían con forza os seus caxatos na pedra, pronunciaban o seguinte ensalmo: “Tente trono, tente en ti, que Deus pode máis ca ti!”. Tronidos e relampos axiña se aplacaban, permitindo que o gado cornúpeta proseguise libre de dano a pacedura, pois, as cornas en campo aberto seica son albo do raio. A propia Penaquetanxe móstrase refractaria á meteoroloxía desatada, posto que, segundo testemuños orais, “xamais a acometeu o raio”; “metíaste debaixo daquela viseira e estabas protexido”.
Penaquetanxe (coordenadas.- X: 546.683; Y: 4.707.161; alt. 640 m) é, ademais, fito de deslinde entre parroquias e antigos concellos, de aí que na pedra cabalada, a carón dunha pía natural, se poidan ler as inscricións P†C e Cd.†C.T., é dicir, “Pedre/Corredoira” e “Cerdedo/Cotobade”. Engadímola ao noso inventario coa denominación: “Inscrición de Penaquetanxe”.
Se non o remediamos, Penaquetanxe, un ben etnográfico de valor indiscutíbel, estragarase para poder fincar no seu lugar unha macrotarabela que atinxirá os 163 m de altitude. E aínda que a instalación do aeroxerador T4-01 non destruíse Penaquetanxe, o atractivo do penedo non só radica na súa morfoloxía (pedra figurativa) e no trazo mítico que o singulariza (esconxuro das tormentas), senón tamén na súa posición preeminente e senlleira no alto daquel monte (visíbel dende a estrada N-541).
Como dixen, o pasado domingo percorremos a zona sur e oeste do polígono e froito deste labor minucioso, batemos con dous gravados rupestres: un posíbel gravado prehistórico e outro histórico, de relevancia arqueolóxica e etnográfica incuestionábeis, pois, amais de arrequecer o noso patrimonio, configuran os fitos de deslinde das parroquias de Cerdedo e A Corredoira e dos antigos concellos de Cerdedo e Cotobade. O posíbel petróglifo prehistórico sitúase na parte superior dunha peneda granítica adobiada con pías naturais, á beira esquerda dunha pista forestal, se a percorremos en dirección norte. O gravado histórico foi tallado noutra peneda, á beira dereita da mesma pista e dirección.
O posíbel gravado rupestre prehistórico, bautizado co nome provisional de “Petróglifo do Outeiro do Ladrón” (coordenadas.- X: 547.376; Y: 4.706.418; alt. 644 m), componse de 5 coviñas, de entre 5 e 9 cm de diámetro. Ditas concavidades, talladas na parte superior dun cachote granítico que coroa un penedo, circundan unha media pía natural.
O gravado histórico, bautizado co nome provisional de “Inscrición do Outeiro do Ladrón” (coordenadas.- X: 547.398; Y: 4.706.359; alt. 640 m), componse dos signos CŦ†Cdº, é dicir: unha cruz de termo entre as abreviaturas de “Cotobade” e “Cerdedo”. A inscrición ten 80 cm de longo e tallouse á beira dunha pía natural.
A instalación do aeroxerador denominado T4-03 (coordenadas.- X: 547.383; Y: 4.706.385), o seu vial de acceso e a condución eléctrica soterrada causarán un grave dano ás penedas que serven de soporte a este gravados rupestres, localizados na estrema entre as parroquias de Cerdedo (Cerdedo) e A Corredoira (Cotobade).
Se non o remediamos, as penedas nas que se tallaron as gravuras do Outeiro do Ladrón, de valor arqueolóxico e etnográfico indiscutíbeis, serán destruídas para poder fincar no seu lugar unha macrotarabela que atinxirá os 163 m de altitude.
A uns 400 m ao norte do Outeiro do Ladrón, localízase o Outeiro dos Caldeiros, outro “conxunto escultórico” en granito, obrado polos axentes atmosféricos. A pena cabaleirada do Outeiro dos Caldeiros (coordenadas.- X: 547.256; Y: 4.706.775; alt. 673 m) presenta, cando menos, tres inscricións. A inscrición situada na parte superior do petouto tamén se compón dos signos CŦ †CD, abreviaturas de “Cotobade” e “Cerdedo”, tallados entre 7 pías naturais de tamaños disimilares, bacías ou caldeiros que lle dan o nome á peneda. A pía meirande ten 150 cm de diámetro. A inscrición, 124 cm de longo. Na face oeste da rocha, punteiráronse 8 ou 9 entallas, a xeito de pasos, para facilitar a subida ao curucho. Inventariámola coa denominación: “Inscrición do Outeiro dos Caldeiros”.
O sitio do Outeiro dos Caldeiros posúe un valor etnográfico fóra de toda dúbida, xa que, amais do exposto, a rocha é o agocho dun tesouro: O Outeiro dos Caldeiros soaba a choco porque disque gardaba dentro un tesouro, consonte a lenda recollida no ano 2000 por Ramiro Barros (Materiais de literatura oral da Terra de Cotobade, 2015).
O polígono do parque éolico “Porto Bidros” contén outros moitos bens de natureza arqueolóxica, descubertos polo colectivo Capitán Gosende ao longo dos últimos anos e oportunamente incluídos no informe de impacto arqueolóxico, elaborado pola empresa de arqueoloxía Arkaios en 2018. A saber:
Gravado rupestre da Laxa das Filloeiras I, gravado rupestre da Laxa das Filloeiras II, gravado rupestre das Corvas I, gravado rupestre das Corvas II, gravado rupestre da Laxa da Romaxe I, gravado rupestre da Laxa da Romaxe II e gravado rupestre do Outeiro da Corva; todos sete petróglifos descubertos polo colectivo Capitán Gosende entre os anos 2012 e 2015. Na actualidade, os devanditos gravados rupestres, localizados nos predios monteses da parroquia de Pedre (Cerdedo), figuran xa no catálogo da Dirección Xeral de Patrimonio.
Así mesmo, quedan no interior do polígono do parque eólico “Porto Bidros” os gravados rupestres do Monte de Baixo I, Ib, II, III, IV e V, situados no monte da aldea de Limeres (parroquia de Cerdedo). Os petróglifos I, II e III figuraban xa en 2001 no catalogo de Patrimonio, baixo o nome de petróglifos do Meixón 1, 2 e 3. Porén, botamos en falla no informe arqueolóxico as referencias aos petróglifos Ib, IV, V e ao Serpentiforme de Limeres, descubertos neste lugar de Monte de Baixo polo colectivo Capitán Gosende entre 2008 e 2017. Os gravados rupestres Ib, IV, V de Monte de Baixo e o Serpentiforme de Limeres seguen sen figurar no catálogo de Patrimonio. Consúltese: O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, 2017, páxs. 95-120.
A maiores, tras a lectura do inventario elaborado por Arkaios, sabemos que, a poñente do río das Cervas, a instalación do parque eólico afectará outros bens de natureza arqueolóxica ou etnográfica: o monólito do Outeiro Cesteiro, a mámoa do Chan da Anduriña (túmulo catalogado), o chozo do Outeiro do Ladrón (todos tres, na parroquia da Corredoira) e a inscrición do Outeiro do Ladrón (cruz de termo); e así mesmo, as mámoas de Porto Bidros I e II (túmulos catalogados), as mámoas do Meixón I e II (túmulos catalogados) e a inscrición do Outeiro da Corva (todas cinco, na parroquia de Cerdedo).
No tocante ao monólito do Outeiro Cesteiro (no inventario de Arkaios, denomínase “fito da Chan da Anduriña”), a súa relevancia histórica é incontestábel. O 29 de decembro de 1935, a Comisión das Sociedades Agrarias de Cerdedo, Cotobade e A Lama, reunidas na Casa do Pobo da Corredoira, acordaron erguer un monumento en lembranza de Xesús María Fortes Cota, pedáneo de Limeres, asasinado naquel lugar (Outeiro Cesteiro-Chan da Anduriña) e en estrañas circunstancias o 5 de decembro de 1935.
En 2017 (do 19-3-2017 ao 16-4-2017), publicamos en Faro de Vigo-Montes cinco entregas intituladas “O asasinato de Xesús María Fortes Cota, alcalde pedáneo de Limeres”, das que, arestora, extraemos o fragmento no que se describe o monólito do Outeiro Cesteiro, vestixio dunha comarca agrarista e republicana:
“O monumento (coordenadas: X: 547.120; Y: 4.706.137), cuxo frontal se orienta cara ao sudoeste, componse dunha superposición de cinco elementos independentes, tallados en pedra de gran. Empregouse como plataforma un cachote, de corte rudo e irregular, duns 60 cm de alto, asentado a óso na cimeira do outeiro. Encol da plataforma, pousa un pedestal de tres corpos. O primeiro corpo é un prisma triangular de 108 cm de lado e 50 cm de altura de arestas arredondadas. O segundo corpo é outro prisma triangular de 87 cm de lado e 20 cm de altura. O terceiro corpo, tamén de base triangular, é un capitel moldurado de talón invertido (parte convexa: 97 cm de lado; parte cóncava: 55 cm de lado) de 40 cm de altura. Finalmente, o quinto elemento é un fuste piramidal truncado de base triangular de 135 cm de altura (a parte inferior ten 28 cm de lado e a superior, 15 cm de lado). O conxunto supera daquela os tres metros de alto”.
A uns 400 m ao sudoeste do monólito do Outeiro Cesteiro, localízanse os petróglifos do Outeiro da Urce I e II. Os gravados rupestres foron descubertos polo colectivo Capitán Gosende o 13 de xuño de 2020 (consúltese a web Tabeiros-Montes, 14-6-2020). As pedras insculturadas afástanse apenas 130 m do límite meridional do polígono do parque eólico “Porto Bidros”, é dicir, localízanse fóra da súa suposta zona de afectación. Non obstante, os sitios arqueóloxicos do Outeiro da Urce I (fermosa pedra cabaleirada, adobiada con 8 pías naturais, 26 coviñas e 1 risco curvilíneo) e do Outeiro da Urce II (9 coviñas) ficarán a uns 750 m de distancia (cara ao sudoeste), do aeroxerador eólico T4-03, de 163 m de altura, o mesmo que estragará os soportes das gravuras rupestres do sitio do Outeiro do Ladrón, descubertas o día 2 de maio.
Para as almas minimamente sensíbeis ou para as cabezas minimamente racionais, abondaría co exposto. Agardemos que a luz do discernimento ilumine o noso camiño ou, como diría un amigo meu: “Vémonos; e se non nos vemos, que a culpa sexa de Fenosa”.