Polo que parece isto non foi suficiente para encher o saco das grandes empresas do sector. Nos últimos meses fomos coñecendo que unha nova avalancha de parques eólicos se achegaba; unha invasión eólica que ameaza con facer de Terra de Montes un megaparque industrial, iso si, con pretensións de ser todo moi ecolóxico e necesario para facer unha transición enerxética que permita reducir o uso de combustibles fósiles. Foi por esta razón pola que un grupo de veciñas e veciños nos organizamos para informarnos e defendernos ante a sangrante falta de información e a connivencia entre administracións e empresas. Naceu así a asociación “Alarma na Terra de Montes”, que ademais conta co apoio de diferentes entidades da zona.
Como dicimos, a falta de información á veciñanza afectada é o primeiro obstáculo que debemos superar. Quen nos está a informar de todos estes proxectos? Ninguén. As administracións que os teñen que tramitar e aprobar, a Xunta ou o Goberno do Estado, non o están a facer. No caso dos concellos afectados, só o fan se a veciñanza actúa primeiro.
Só grazas ao traballo voluntario de busca de información e á axuda doutras asociacións que por toda a nosa terra comezan a mobilizarse contra este modelo de implantación eólica totalmente incontrolado, sabemos que existen mais de vinte proxectos de parques con intención de instalarse tanto nos montes em man común como en terreos privados. Como nos afectaría a instalación destes parques? Aí van algúns puntos a ter en conta:
-Destrución do territorio: a nosa comarca veríase desfigurada non só pola presenza de novos aeroxeradores a inzar zonas que ata o de agora estaban libres deles. A instalación destes parques implica tamén a construción das subestacións de transformación, a apertura de pistas para a mobilidade nos parques e para a comunicación soterrada entre os eólicos e as subestacións e, aínda por riba, o tendido de varias liñas de alta tensión que atravesarán toda Terra de Montes, que se convertería nunha maraña de parques e liñas de evacuación sen xeito nin razón.
-Afectación a outros sectores económicos e actividades: sectores como a agrogandeiro ou o forestal veríanse prexudicados pola perda de terras útiles. Tamén o sector turístico se vería gravemente prexudicado polas afectacións ao territorio e á paisaxe. Actividades como a Rapa das Bestas de Sabucedo ou a dos observatorios astronómicos de Forcarei e Cotobade tamén correrían perigo.
-Perda de valor e control de propiedades: calcúlase que as propiedades incluídas na poligonais dos parques perden entre o 30% e o 40% do seu valor. Ademais, pasan a ser recalificadas como “solo rústico de protección de infraestruturas eólicas” e quedan a expensas de ampliacións futuras dos parques que as empresas decidan, coa axuda dunha lexislación que permite a declaración de utilidade pública dos parques. As zonas polas que pasan as liñas de evacuación tamén quedan impedidas de ter outros usos.
-Molestias e problemas: nalgúns casos os muíños atópanse moi preto de lugares habitados ou doutras instalacións como granxas. A desfasada lexislación autonómica permite muíños a 500 m das casas, cos conseguintes problemas de ruídos e sombras causados polos novos aeroxeradores de case 200 m de altura. Estes problemas poden ser especialmente sangrantes en lugares como Cuíña (Quireza) ou Reigosa (Aciveiro). O sinal de radio, televisión ou a telefonía móbil tamén se poden ver afectados. A presenza próxima dos aeroxeradores ou das liñas de alta tensión ten sido asociada a problemas de saúde diversos.
-Afectación a recursos hídricos: a construción dos parques e as infraestruturas asociadas poden afectar aos recursos hídricos (brañas, regos, traídas…) dos que nos abastecemos para consumo humano e para as actividades económicas. A auga é un ben escaso que debemos protexer e garantir de cara ao futuro.
-Patrimonio natural e paisaxístico: os hábitats de diferentes especies, algunhas delas de especial valor, serían atacados por estas instalacións industriais. Cómpre destacar o caso das bestas de Sabucedo, en perigo de extinción polos danos ao seu hábitat. Ademais, a nosa paisaxe, obra da natureza e da actividade humana durante milenios e elemento importante da identidade colectiva, veríase gravemente desfigurada.
-Patrimonio histórico e cultural: os proxectos de novos parques eólicos tamén afectan ao rico e amplísimo patrimonio histórico da nosa comarca. Mámoas, gravados rupestres, castros, patrimonio arquitectónico ou etnolóxico poden ser danados, sobre todo os que están sen catalogar, ou o seu contexto deformado. O patrimonio cultural inmaterial vinculado a eles (lendas, mitos, tradicións...) correría maior perigo de perderse definitivamente. Desfeitas como a do Monte do Seixo non se poden repetir.
Estes e outros elementos deben ser tidos en conta á hora de tomar decisións colectivas e individuais en relación con esta enxurrada de parques eólicos. Compénsannos todos estes danos en comparación cos supostos beneficios? Ou os únicos realmente beneficiados serán multinacionais como Greenalia, Naturgy ou Enel Green Power?
É coñecido o número limitado de postos de traballo que xeran os parques eólicos unha vez en funcionamento; postos de traballo, ademais, pouco vinculados ao territorio en que os parques se instalan. Pola contra, os danos a outros sectores económicos son evidentes e a presenza desmesurada destas instalacións pode dar lugar tanto á perda de empregos como ao peche de negocios ou impedir a creación de novos postos de traballo en diferentes sectores.
E que dicir das “compensacións” económicas dadas polas empresas… Na maioría de ocasións son auténticas esmolas en comparación cos grandes beneficios que estas obteñen e que aínda por riba non tributan en Galicia senón noutros territorios, cando non acaban en paraísos fiscais a través de sociedades offshore, como ten sido denunciado.
Son compensacións económicas que, ademais, son ofrecidas nun contexto de chantaxe ás comunidades e persoas coas que estas empresas “negocian” desde a posición de forza que a lexislación lles dá coa ameaza da expropiación e cos prazos cada vez máis reducidos para coñecer os proxectos e presentar alegacións; por non falarmos dos vínculos entre os gobernos e as empresas que contratan como directivos antigos e antigas responsables políticas (un caso directamente relacionado con esta problemática é o de Beatriz Mato, ex-conselleira de medio ambiente da Xunta e nova directiva de Greenalia). Estas grandes empresas buscan talento ou contactos e influencias?
Outro dos seus trucos favoritos é o de presentarse como empresas preocupadas polo medio ambiente que nos traen proxectos de enerxía limpa, non contaminante: a enerxía eólica. Nunha época en que vivimos unha crise ambiental cada vez máis clara e en que son necesarias alternativas urxentes aos combustibles fósiles o discurso verde destas empresas está á orde do día, que pretenden así conseguir boa publicidade e aceptación social.
Pero, son de verdade tan inocuos e tan verdes? É protexer o medio ambiente instalar parques eólicos en zonas de grande valor natural e ambiental, como sucede tantas veces? Un exemplo disto témolo nos danos provocados por algúns parques eólicos en turbeiras, zonas que axudan na loita contra o quecemento global pola súa capacidade para fixar CO2. Favorecen a necesaria biodiversidade os danos provocados por estas instalacións e todas as súas infraestruturas nos hábitats de diferentes especies?
Por outra parte, debemos preguntarnos que ten de ecolóxico e sustentable instalar ducias e ducias de novos parques eólicos en territorios que están a centos de quilómetros dos lugares que se queren abastecer de enerxía eléctrica. Calcúlase que nas liñas eléctricas moi longas pódese perder entre o 8% e o 15% da electricidade producida. Canta electricidade e materiais é necesario despilfarrar de forma absurda cando o normal é que un parque eólico se instale preto da zona que vai abastecer? E falando de materiais: quen se vai facer cargo da retirada e reciclaxe dos aeroxeradores e da restauración do entorno cando os parques finalicen a súa actividade ou cando algunha destas empresas desapareza? Verémolo co tempo.
Non estamos en contra da enerxía eólica nin da existencia de parques eólicos, pero hai alternativas que aquí o poder político e o económico non queren desenvolver. Por que non optar por pequenos parques eólicos comunitarios, menos agresivos, destinados a satisfacer as necesidades reais do entorno no que se instalan e xestionados pola propia veciñanza ou polos concellos? Non queremos ser un territorio de usar e tirar en mans do oligopolio enerxético, temos dereito a controlar e xestionar os nosos recursos de forma racional e para favorecer o ben común, non os negocios duns poucos.
É o momento de actuar e de facer forza xuntándonos. Témonos que organizar e mobilizar para impedir que sigan a destruír a nosa terra e a condenar a morte o rural galego. E esperamos que as institucións, e en primeiro lugar os nosos concellos, se poñan ao noso lado con toda a súa forza, nin de fronte nin de perfil. O noso benestar e o das xeracións que veñan está nas nosas mans.
Moratoria eólica xa!
* Alarma na Terra de Montes