1º.- Que, de dispoñer desa prórroga, ENCE superaría o prazo de 75 anos que a Lei establece como máximo para a permanencia de calquera instalación en dominio público, un prazo que no caso de ENCE remataría no ano 2033.
2º.- Que, no caso concreto de ENCE, non se xustifica a concesión de ningunha prórroga, xa que a Lei limítaas a aquelas instalacións que “pola súa natureza” teñan que estar en terreos de dominio público, circunstancia que non se da neste caso.
Así pois, por Lei, ENCE non podería continuar na Ría máis alá do 28 de xullo do 2018, data na que caducou a concesión obtida no ano 1958.
E desde a empresa e os sectores que apoian a súa permanencia en Lourizán en contra da Lei e o interese xeral, trátase de confundir á cidadanía con mentiras e chantaxes. Entre outras cousas, din que esta decisión pon en grave risco o futuro da comarca e vai supor a catástrofe para Galiza, que vai ver o seu monte abandonado pola imposibilidade de vender o eucalipto.
Nada máis lonxe da realidade! Tal como recoñece Enrique Valero, profesor da Facultade de Enxeñería de Montes da UVigo, e un dos impulsores da chamada “Cátedra ENCE”, só un 50% do eucalipto que se corta na Galiza véndeselle a ENCE, e as familias que venden agora en ENCE-Pontevedra, seguirían a vender nas fábricas de ENCE-Navia e Navigator-Aveiro. E, como afirman as comunidades de montes en man común, ENCE é o peor comprador de eucalipto, e paga moito menos que outros tratantes, polo que a súa desaparición non suporía un problema de gravidade para o sector.
Resulta evidente que a comarca de Pontevedra non vive de ENCE; que lonxe de ser o motor da nosa economía, ENCE é o seu freo, xa que impide a explotación racional dos sectores produtivos da Ría, do turismo e do monte, un monte hoxe inzado de eucaliptos, exposto ao risco permanente dos lumes, e que debera ter na diversificación de usos o seu futuro.
E están a intoxicar cando din que as bateas e as explotacións de acuicultura que están en dominio público van ter que pechar por culpa da decisión de Costas. É unha absoluta falsidade, porque esta decisión non afecta a esas instalacións! As concesións ás bateas están reguladas pola Lei de Pesca de Galicia, o mesmo que as instalacións do sector da acuicultura en terreos de dominio público, que, ademais, poden acollerse ás prórrogas establecidas na Lei, xa que, pola súa natureza, poden estar en dominio público marítimo-terrestre.
E preténdese confundir tamén á xente cando se fala de “inseguridade xurídica”. Os actuais donos de ENCE sabían que no 2018 tiñan que abandonar Lourizán e, por esta razón, mercaron a fábrica a prezo de saldo; e non se pode esquecer a diferenza entre unha concesión (que ten un horizonte temporal limitado) e unha propiedade privada. Ou cando se di que non é posíbel trasladar ENCE a outro emprazamento na Galiza, chantaxeando á poboación coa ameaza de irse fóra do Estado español; se é posíbel trasladala fóra, tamén se pode trasladar dentro de Galiza, e máis se temos en conta que -de acordo co compromiso adquirido por ENCE trala concesión da prórroga- a hipotética nova fábrica tería unhas necesidades de captación de auga e enerxéticas, e un volume de vertido, moito menores que a actual fábrica. O problema é outro e o deixaron ben claro os seus responsábeis; trátase, máis unha vez, dun problema económico! ENCE pretende marchar a outro país onde o prezo da madeira e a man de obra sexan máis baratos, e demostra así o interese que ten a empresa na defensa dos seus traballadores!
Xa por último, dicir que -contrariamente ao que afirma a Xunta- ENCE incumpre a lexislación en materia de vertidos e segue a contaminar a Ría de Pontevedra co vertido de elevadas cargas de materia orgánica e coliformes, que teñen importantes efectos sobre a calidade das augas de baño e cultivos mariños. Con todo, o que hoxe está en cuestión é a legalidade da súa permanencia en Lourizán, unha permanencia contraria á Lei de Costas do 2013, o que lle obriga a abandonar este emprazamento con independencia de que estea a cumprir ou non a normativa ambiental.
Neste sentido, os colectivos sociais abaixo asinantes esiximos:
1º.- Que se anule definitivamente a prórroga de 60 anos concedida ilegalmente a ENCE no 2016.
2º.- Que se cumpra a Lei e se obrigue á empresa a devolver a zona ocupada á situación que tiña á chegada de ENCE a Lourizán.
3º.- Que, en todo caso, se ENCE quere montar outra fábrica na Galiza, que sexa onde non entre en contradición coa explotación dos recursos naturais nin coa economía da zona, cunha tecnoloxía respectuosa co medio e cunhas esixencias de vertido e emisión á atmosfera máis estritas que garantan a calidade de vida e a saúde das persoas.
E, ao tempo, damos o noso apoio á MARCHA CONTRA CELULOSAS que terá lugar o DOMINGO 16 de XUÑO ÁS 12 HORAS con saída das alamedas de Marín e Pontevedra.