Entendemos que desde estas institucións e empresa se queren desviar os tiros cara este membro da nosa fauna autóctona como un xeito de canalizar o descontento dos cazadores pola continua redución de coellos no noso monte. Tratan de poñer o punto de mira no raposo como responsábel e ao mesmo tempo como alternativa á desaparición das presas tradicionais da caza, vinculadas orixinariamente a complementar a alimentación. Mais precisamente os auténticos culpábeis da morte do noso bosque autóctono e a súa biodiversidade son os que financian este evento.
Non resulta estraño neste sentido que apareza no cartel o logo da empresa que dita a política forestal neste país e o partido que a executa, e que ten reservadas no seu consello de administración cadeiras para os conselleiros e ministros que están xa desde a administración a traballar para eles.
A eucaliptización do país promovida por ENCE e o PP está a destruír o noso medio rural, e non o raposo. Mais poñendo cartos públicos e privados cara o fomento disto tamén se pretende facer fronte a unha cada vez maior sensibilización do conxunto da sociedade fronte a provocar dor gratuíta aos animais. Tratan de facerlle fronte deste xeito á repulsa que cada vez é maior na nosa mocidade contra o sufrimento doutras especies co único propósito de divertirnos os seres humanos. É unha estratexia que nin sequera beneficia os propios cazadores, aos que se pretende enfrontar contra os ecoloxistas e animalistas, pois o que fai é precisamente xerar cada vez máis animadversión contra todo tipo de caza e contra este colectivo.
Por iso pedimos aos responsábeis da actividade que suspendan a celebración desta provocación.
- Asociación Cultural "Vagalumes"