Independentemente das imprecisións que puidera haber nesta obra, o autor, Pedro Varela Castro, fai no seu momento un esforzo de recompilación e de recolleita de información inmenso. Recorre as parroquias e os arquivos na busca do noso patrimonio, de coñecer a nosa realidade máis preta en todas as súas dimensións e con grande profundidade.
Desde a Asociación Cultural “Vagalumes” fixemos un esforzo de actualización desta obra respectando o seu contido e simplemente adaptándoa a nosa lingua, tratando de conservar a visión do mundo que daquela se tiña e que mesmo nas ilustracións abondosas que recollemos quixemos preservar para tentar ofrecer ao lector de hoxe un traballo que tenta ser fiel ao espírito da época na que foi realizado.
Pedro Varela hai 100 anos que foi alcalde da Estrada e, independentemente da simpatía que se puidera ter pola súa filiación política, compre lembrar o recoñecemento xeneralizado que tivo como un grande namorado do noso Concello. Foi director de Eco de La Estrada, presidente honorario da Federación Agraria de Estrada, Silleda, Forcarei e Cerdedo, impulsor de asociacións de emigrantes na Habana, Bos Aires e Montevideo. Foi un dos agraristas que accederon ao goberno municipal da Estrada en xaneiro de 1916, tras da revolta de 1915 da cal foi un dos seus axitadores principais.
O vindeiro luns, 26 de xuño, día principal das festas de San Paio, ás 7 da tarde, no Museo da Madeira e Móbel (Mome), imos realizar a presentación desta obra. Intervirá Clara Iglesias, presidenta da Asociación Cultural “Vagalumes” e quen realizou a edición e tradución deste libro; Alfonso Varela, presidente da Asociación de Fillos e Amigos da Estrada e coñecedor da historia local e dos tempos do autor desta obra; e Xosé Leal, Deputado delegado de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra, institución que levou a cabo a impresión desta obra.