Venres 20 ás 20:00 h. no MOME (A Estrada)
Na Europa ocupada polos nazis miles de exiliados republicanos españois devecían por chegar a América para salvar as súas vidas. Entre eles atopábase Alejandro Viana Esperón (Ponteareas, 1877 - México DF, 1952), deputado republicano de esquerdas ao que ben se podería alcumar como o Schindler galego.
Á fronte de varias organizacións humanitarias, entre elas o Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, Alejandro Viana organizou dende Francia a saída de miles de refuxiados nunha trintena de expedicións marítimas colectivas a distintos países de América, na súa maioría a México. Cos alemáns en Francia, Viana arriscou a súa vida para continuar axudando os exiliados até que,acosado pola Falange e a Gestapo, emprendeu en 1941 unha desesperada fuxida. Logo de once meses de anguriante viaxe por África, logrou chegar a México. Alí reencontrouse tempo despois coa súa dona, tras once anos de separación, e viviu coa certeza de que xamais podería retornar á súa terra. Roberto Mera narra neste libro a extraordinaria odisea iniciada o 18 de xullo de 1936 polo seu tío bisavó, recuperando para a historia a proeza dun home íntegro e entregado aos demais.
Compre lembrar que na Estrada tamén precisamos da solidariedade para salvar a vida exiliándose de moitos dos noso veciños. Imos nomear algúns casos aínda que somos conscientes que son moitos máis, e imos centrarnos nos de primeira hora, aínda que logo tiveron que fuxir moitos máis como consecuencias do acoso e derrube sufrido por eles a mans dos fascistas.
Unha mostra do exilio estradense:
• Alonso Rivas, Avelino (Os de Gaitas), 35 anos, natural da Estrada, Garda Municipal, Lavadores - Vigo. Previamente fuxido e declarado en rebeldía. Xulgado en Vigo por auxilio á rebelión co resultado de sentenza a prisión 12 anos. Graves secuelas psicolóxicas ao sair da cadea..
• Costa Ramos, Juan. (A Estrada, Pontevedra, ?) En xullo de 1939 atopábase no campo de refuxiados de Barcarès en Francia.
• Chacón Bergueiro, Severino. Nado en Parada (A Estrada) o 14 de novembro de 1884 e finado en Madrid o 31 de xullo de 1978. Fillo dunha familia de campesiños, traballou como canteiro en Ferrol (1897) onde entrou en contacto coas organizacións obreiras. Trasladouse a Coruña en 1903 e converteuse en referente sindical. En 1905 emigrou a Cuba e militou na Agrupación Socialista da Habana. Retornou a Galicia en 1908 pero regresou moi pronto á Habana. Foi expulsado de Cuba en xullo de 1911. En 1916 constituíu na Coruña a Unión Tabacalera, primeiro sindicato de clase das cigarreiras da Fábrica de Tabacos. Foi candidato nas eleccións á alcaldía de 1917 pola Agrupación Socialista da Coruña. En 1918 a Unión Tabacalera federouse na UGT baixo a súa influencia. Deixou o PSOE en 1921 formando parte do Partido Comunista Obrero Español. Presidiu desde A Coruña a Federación Tabaquera Española, de carácter autónomo, e na que se integrou o persoal das fábricas de tabacos do Estado. A sublevación do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno na Coruña, onde estivo agochado un ano, antes de fuxir por mar cara a zona republicana. Pasou a Valencia e incorporouse á UGT. Exiliado en Francia en 1939, formou parte da Executiva Federal da UGT no exilio francés. Logo marchou a Santo Domingo (1939-1940), Venezuela (1940-1946), regresou a Francia (1946-1950), marchou a Checoslovaquia (1950) e volveu a Venezuela (1950-1967). Retornou a Madrid en 1967, onde faleceu en 1978. LIGAZÓNS: Revista Claridade homenaxe a Severino Chacón.
• Fernández Rodríguez, José. (A Estrada, Pontevedra, ?) En xullo de 1939 atopábase no campo de refuxiados de Sepfonds Tarne et Garonne en Francia.
• García Caramés, Alfredo (Cabanelas, Liripio, A Estrada) 1916. Durante a Guerra Civil fora membro do Batallón de Milicias Populares Gallegas e chofer de Líster V Corpo do Exército e na mítica 11ª División,. Despois estivo refuxiado en Francia no campo de Vernet d´Ariège (barraca 43) e no campo de Barcarès. Valentín García Gómez escribe unha biografía súa co título "Un soldado da historia (Alfredo García Caramés, asistente de Líster, 1936-1939)".
• Gómez Puente, Juan. (A Estrada, Pontevedra, ?) En xullo de 1939 atopábase no campo de refuxiados de Agde (Herault) en Francia.
• Gómez Andrade, Manuel. Veciño de Codeseda. Embarcou para Arxentina o 2 de setembro do 36, cando era buscado para ser detido.
• Illa Couto, Ramiro. (Arnois, A Estrada, Pontevedra, 1896 - ?, 1987) Sendo moi novo emigra a Bos Aires, onde estuda na Escola de Comercio ó tempo que traballaba cun tío seu. En 1917 volve a Galicia, fai o servizo militar en Marrocos e incorpórase ás Irmandades da Fala. En 1922 regresa de novo a Bos Aires como representante da Irmandade Nazonal Galega de Vicente Risco e participa na fundación dunha delegación da mesma que edita a revista "Terra". Posteriormente súmase a Sociedade Nazonalista Pondal e no ano 1931 volve a Galicia para participar nas actividades do Partido Galeguista. Despois do golpe de Estado de xullo de 1936 foxe a Portugal e de alí a Francia, sendo delegado en París das Sociedades Hispanas Confederadas. Despois exíliase en México, onde participa nas actividades políticas e culturais dos galeguistas.Dende México viaxa a miúdo a Colombia e Venezuela. Neste último país establécese nos anos 50 para volver definitivamente a Galicia en 1956. Na súa etapa mexicana escribe para "Vieiros" e "Saudade". Desta última revista foi editor do número 3.
• López López, Celestino. (A Estrada, ? - México, 1963) Galego do Grupo Republicano que fora presidente do Sindicato de Viaxantes de Comercio de Vigo, da UGT. Casa en 1935 coa mestra tamén exiliada María Concepción Pazo Álvarez. No 36 estivo acochado xunto co seu cuñado Eduardo durante un ano. Tivo que fuxir cara a México onde formou parte da Alianza Nazonal Galega, fundada en 1943 por varios exiliados galegos coma el. En México foi distribuidor de cine e chegou a escribir un libro de gran valor antropolóxico, "La vida en el Amazonas". Membro de Izquierda Republicana, no exilio en México asina o manifesto da Alianza Nacional Galega o 18 de maio de 1944.
• Mosteiro Melia, José. (A Estrada, Pontevedra, ?) En xullo de 1939 atopábase no campo de refuxiados de Argelès sur Mer en Francia.
• Nodar Brey, Jesús. O 12 de decembro de 1937 desaparece na Coruña cando estaba de garda. Aparece un cadáver na praia de San Amaro o día 22. Considérase que é el e que non desertou senón que foi accidental a súa morte. Descoñecemos máis detalles deste estraño suceso.
• Pazo Álvarez, Eduardo. Mestre da Somoza, A Estrada . Nace en 1904. Expediente de depuración co resultado de suspensión de emprego e soldo. Deuse por desaparecido, seguramente fuxiu, segundo informa Olimpio Arca exiliase en Cuba. Logo vaise a México e regresa a Galiza no 1971. Morre en México o 24 de outubro de 1971.
• Pazo Álvarez , Concepción. (A Estrada, Pontevedra, ? - A Estrada, Pontevedra, 1980) Mestra Nacional que se exilia en México, xunto co seu home Celestino López López. Alí foi mestra no Colegio Madrid, centro que acolleu ao republicanismo español exiliado nese país. Coa morte do home en 1963 regresa a Galicia en 1971 e morre en 1980.
• Pereira Renda, Virginia. (A Estrada, 19/10/1884, - Madrid, 23/12/1969) Estivo exiliada na Arxentina. Casou na Estrada con Alfonso Rodríguez Castelao. No ano 1956 asiste ao Congreso da Emigración Galega en representación do seu home xa falecido.
• Rey Pereyra, Ismael. (A Estrada, Pontevedra, ?) En xullo de 1939 atopábase no campo de refuxiados de Barcarès en Francia.
• Souto Campos, Uxío. (Cuntis, Pontevedra, 1905) Escultor e profesor de Debuxo no Instituto da Estrada. Fuxido a Francia, onde está internado no campo de concentración de Perpignan, despois marcha exiliado a México.Pertencía á Irmandade Galeguista. Exiliouse en México onde fundou xunto a outros exiliados a Alianza Nazonal Galega no ano 1943, da que foi vicesecretario de relacións. Tamén foi ilustrador de "Saudade" e profesor de debuxo no Institututo Hispano-Mexicano Ruiz de Alarcón dirixido polo galego Pedro Martul.