Orixe dos topónimos das parroquias e lugares do Concello da Estrada
O libro ofrécenos un estudo etimolóxico de todos os topónimos maiores do noso concello; é dicir, os nomes das parroquias e dos lugares que as conforman. En total, son case 400 nomes obxecto de análise. O interese polo significado do nome dos lugares vén de moi antigo; desde sempre as persoas sentiron interese e curiosidade por saberen por que o lugar onde vivían recibía un determinado nome. Na súa orixe todos os topónimos tiñan un significado axeitado á realidade que denominaban e formaban parte do vocabulario habitual do momento en que naceron; mais, co tempo, moitos deles, a causa da evolución do sistema lingüístico, convertíronse en verdadeiros enigmas porque a súa significación deixou de ser evidente. En Os nomes da Estrada, a autora intenta dar resposta a esta curiosidade, explicando o significado e a orixe de cada topónimo.
A toponimia é un verdadeiro tesouro do patrimonio inmaterial dun pobo, xa que é testemuña das circunstancias históricas e garda a memoria dos momentos máis antigos da lingua. Ademais, funciona como un importante referente colectivo e un forte sinal de identidade. Os topónimos son verdadeiros monumentos históricos que se manteñen en pé a través dos séculos. Por iso, o coñecemento da orixe da nosa toponimia serve para facérmonos máis conscientes de quen somos, para identificármonos como sociedade e como país.