Será o xoves 15 de xullo ás 20:30 h. na Praza da Música.
O investigador, ensaísta e novelista Xosé María Lema desenvolveu durante moitos anos o seu labor docente na Estrada, como profesor de Xeografía e Historia no IES Losada Diéguez, onde se xubilou. Lema é un traballador incansábel na defensa da nosa lingua e do noso patrimonio material e inmaterial; é membro de entidades como ProLingua, a Asociación Galega de Onomástica, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Museo do Pobo Galego e membro fundador e presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte.
O libro que presentamos é, como o seu título indica, unha compilación de trinta e un textos en defensa do galego publicados en diversos medios ao longo de 10 anos. Entre eles figuran os cinco artigos polos que o autor recibiu o Premio Manuel Reimóndez Portela en 2010. A data que dá inicio á compilación, 2009, marca o comezo dunha etapa de agresión á nosa lingua por parte do goberno galego; precisamente moitos dos textos deste libro teñen como tema central a denuncia de tales políticas.
O libro está ilustrado polo investigador, artista e escritor Héitor Picallo, que tamén é autor do prólogo e conta cun epílogo da autoría de Maca Arca, profesora e membro da entidade ProLingua.