O libro negro da lingua galega céntrase na recollida e divulgación de documentos de diversas orixes (xurídicos, intervencións e debates en cámaras de representantes, artigos xornalísticos, noticias, testemuños persoais…) cos que o autor demostra, tal e como se indica no subtítulo do libro “Quiñentos anos de represión e silenciamento” da lingua galega nun período que abrangue dende finais do século XV até finais do XX.
O primeiro chanzo na listaxe de agravios, ofensas e prohibicións que constitúen a cerna d´O libro negro da lingua galega corresponde ao 1480, ano en que en reunión das Cortes en Toledo se adopta unha decisión que acabará por eliminar a nosa lingua dos documentos administrativos e notariais: a obrigatoriedade de examinárense en castelán, no Real Consejo de Toledo, todos aqueles que quixesen acceder ao cargo de escribáns públicos. A última parada na antoloxía de afrentas escolmadas por Carlos Callón corresponde ao ano 1986, coa sentenza do Tribunal Constitucional que converteu a suposta cooficialidade entre galego e castelán nunha ficción, ao anular a posibilidade de equiparar as dúas linguas en dereitos e deberes. A subordinación do galego ao castelán quedou fixada pola propia lei: a cidadanía galega ten o deber de coñecemento do castelán e, con respecto ao galego, tan só o dereito. Son os dous exemplos, o de 1480 e o de 1986, os que serven de marco a un longo conxunto de leis, accións, condutas e opinións prexudiciais, daniñas e ofensivas cara a nosa lingua.
Fica sobradamente demostrado, ao longo das páxinas d´O libro negro da lingua galega, que a a galegofobia existiu e existe, que o castelán foi imposto pola forza na Galiza e que houbo políticas lingüísticas contrarias á nosa lingua dende hai séculos (e non só na época franquista). Os poderes públicos, inicialmente casteláns e posterioremente españois, trataron e tratan a nosa lingua con odio, desprezo e animadversión e conducírona até o estadio avanzado no proceso de substitución lingüística en que se encontra na actualidade. Mediante o coñecemento do pasado pode entenderse mellor a situación no presente e saber que é o que debemos facer para recuperar falantes e conseguir a normalización. E ese é o obxectivo do autor.