Manuel Cabada Castro
Quen che dixo, primavera, ser agora mesmo a túa hora? Quen che bisbou, amiga, que era este o preciso tempo –o teu tempo de sempre- pra á fin algo alomenos nos confortares das angurias dunha nosa xa longa historia, ateigada de andazos, incertezas e dúbidas moi fondas?
Sómosche nós, en troques, fronte a ti, fráxiles, amiga primavera. Namentres ti cos teus ritmos amorosos, que van e veñen e nunca deixan de volver, estás sempre aí pra nalgún tempo onda nós ficares, marchares logo e volveres aínda máis tarde sempre a vir.
O noso tempo, en troques, amiga primavera, non renace ou volve de novo –ai!- coma ti. Por iso te envexamos, primavera. Por ti sempre seres, unha e outra vez, podente raíña, que espallas sen dor os tesouros da túa beldade e esperanza en vales e montañas, á beira da casoupa do pobre ou en nobres e luxosos xardíns de príncipes e potentados. Ti, filla lexítima mais humildosa das altas noites estreladas, baixaches onda nós pra estares mesmo á nosa beira. Tecendo o vestido virxe das brancas margaridas ou acendendo o lume de rosas e caraveis.
Poderosa e ó tempo humilde, achegada e familiar, ti fasnos lembrar cousas ás que á lixeira as nosas présas lles restaron prestancia e valía. Ti apréndesnos a amarmos a proximidade, o humildoso estar á beira, o falarmos claro e alto dende a beleza e o servizo, mais sen ínfulas de mando e imperio, o estarmos contentes de compartir cos de abaixo, cos que sofren e apandan coas súas eivas e mais coas dos outros.
Con todo isto nos aprendes tamén xa que logo, benvida primavera, a vermos que a beleza é sempre fondamente democrática. E que ela, se non, non é nada. Por iso, ti, primavera, aí estás sempre a operar dende o fondo e dende a íntima e calada riqueza das cousas cativas e sinxelas.
Ti es, en fin, primavera, o alto e poderoso lume de arriba agachado como brasa acesa entre a humilde borralla da nosa cotiandade.
Volve de novo, e sempre, amiga primavera!.-
*[“Faro de Vigo”, 10 de marzo de 2021]