Acto Público sobre a situación do galego e a ameaza que supón a nova lei do audiovisual para profundar na súa exclusión deste ámbito.
Rematado o prazo para presentar emendas á nova lei do audiovisual, advírtese que os artigos sobre cotas de emisión, catálogo, financiamento e dobraxe por parte das plataformas de vídeo e das canles de televisión só citan “a lingua oficial do Estado e algunha das linguas oficiais nas comunidades autónomas”. Segundo a Mesa pola Normalización Lingüística, o emprego sistemático desta expresión podería deixar a nosa lingua fóra das conquistas alcanzadas, en grande medida, grazas á mobilización da sociedade galega a partir da Iniciativa Xabarín.
A nova lei do audiovisual contempla cotas de emisión e catálogo, cotas para o financiamento de producións por parte das compañías emisoras e regula a presenza das linguas do Estado nas interfaces, audiodescricións e lexendaxe. En todos os casos, contémplanse porcentaxes que se refiren sempre á lingua oficial do Estado ou a “algunha das linguas das comunidades autónomas”.
“Converter a pluralidade lingüística nun único paquete que pode ser enchido con calquera das linguas”, denuncia Maceira, “só daría garantías reais de porcentaxes mínimas ao castelán”. Para a Mesa, é “un insulto” que se agrava no caso galego, “ao desprezar completamente a Iniciativa Xabarín, que reuniu máis de 33000 sinaturas en plena pandemia e conseguiu o apoio unánime do Parlamento”. Esta iniciativa contemplaba reclamar ao Estado que a nova lei do audiovisual recoñecese “a pluralidade lingüística como principio básico igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións así como no financiamento anticipado”.
Sen presenza de galego no audiovisual, remata, as dificultades das familias para transmitir e as limitacións para a incorporación de novos falantes son moito maiores. A nova lei audiovisual estará vixente nas próximas décadas.