Manuel Cabada Castro
Á noite oíuse a curuxa chiar no medio do val. Entrou na aldea o andazo: por Sabucedo anda o mal; dormen os menos na casa, fóra xa ‘dormen’ os máis... “Pra que a gadaña non mate vamos de aquí, miña irmá! Connosco virá a besta, pois ela é forte e está sa. Deámoslla a san Lourenzo se el saúde nos dá”. Vivían nunha cabana, deixándose alí estar. Bichos nacéronlle á besta ó as irmás ficaren sas. Milagre foi de Lourenzo: pra sempre el patrón será. Furan foguetes no ceo antes de o sol clarexar. Hoxe évos día da Baixa, todos ó monte co pau! Co “pau de moca” de sempre: é tradición ancestral. Mozas e mozos da aldea ó monte subindo van! Ferve no sangue o gurgullo de sermos todos iguais. As bestas foxen ós altos, non queren baixar ó val! “Festa, évos festa, baixade, hoxe é festa comunal!” Entenden a nova as bestas e déixanse ó val baixar. Abofé que son ben cordos estes belos animais! Cercados polos festeiros, ceibando rinchos ó ar, danza nas crinas o vento. Máis ca vento é un vendaval. Imos así en xuntanza festa viva a celebrar. Embocan no curro agora: ondas son dun amplo mar. Mar que se estende na area, nunha area onde loitar. Loita que é nobre e amiga: chamámola aloitar. Érguense ó ceo os cabalos en mutua loita ritual. O desafío é incruento: é unha lección maxistral. Mestres ilustres vos son de como nos comportar. Mozas e mozos lle aloitan agora a outro animal: belo envurullo de vida, un desafío entre iguais. Gañe quen gañe na aloita, bos amigos ficarán. Chegado porén o luns, con el vén a liberdá. Volven de novo ós seus montes, patria do seu benestar. Canta a laverca na altura e rinchan griñóns ó par. Paso lixeiro o das greas, con ansias de ver o mar, mar que elas ven dende arriba, ondas e crinas ó ar. “De hoxe nun ano!” lles canto, cantábamo miña nai! |