Manuel Cabada Castro
Temos sona os galegos de sermos de pouco falar. A nosa paisaxe de montaña, de néboas e de chuvia (aínda que xa menos) fai de nós xente introvertida e de fondos sentimentos. Nisto semellámonos un chisco ós bávaros, tirando a calados eles tamén, que non aturan os berlineses ó diciren sobre estes que teñen moito “Schnabel” (que quere dicir “bico” ou “peteiro”). A nosa lingua ten tamén abundantes nomes para se referir a aquel que fala moito: lareteiro, tatarelo, esbarafundeiro, barballoeiro, lercho, lingoreteiro, papaliqueiro, badallocas, falariqueiro, e moitos máis... Non quedan desde logo nada ben entre nós os que se pasan no falar; sobre todo os homes (máis cás mulleres): “A home parlanchín e faco relinchón, pouca cebada e moito albardón”. “O can e o paroleiro, deixalos no carreiro”. “Home de moita parola, todo é faramallada”. “Home parlanchín, para todos mais non para min”. “O home, de poucas palabras; e esas sabias”...
Por que pobos ou vilas teñen cadanseu santo patrón diferente é case un misterio da historia. Mais no caso da vila da Estrada semella ben claro. O refrán tradicional para os da Estrada ben o sabedes: “A xente da Estrada pola palabra”. E San Paio é certamente rapaz “da palabra”.
Contan as vellas crónicas que o emir cordobés quixo facer do rapaz Paio obxecto e xoguete do seu antollo. Paio pasaría así de ser alguén a ser só algo. Mais Paio amosouse enteiro e valente: “Cristián son e serei, coma sempre o fun”. Como o emir non se daba por vencido, aínda lle tivo que espetar o rapaz de Tui (e que conste que non fago más ca traducir ó galego o que contan os haxiógrafos): “Bota, can!: ou coidas quizais que son un destes rapaces maricóns do teu pazo?”.
Un coñecido filósofo de Oxford, John Austin, escribiu hai xa anos un libro con este título: How to do things with words (“como facer cousas con palabras”). Non cabe dúbida de que as poucas palabras empregadas por Paio “facían” cousas. Como testemuña da súa fe cristiá –e xa sabemos que “mártir” quere dicir “testemuña”- dá palabra da Palabra recibida: “Ó comezo existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus, e a Palabra era Deus” (Xoán).
Dende o século X, os tempos nos que viviu San Paio, deica o noso século XX pasaron desde logo moitas cousas. Mais poida que unha das meirandes perdas sexa a perda do senso da palabra. Dende o tempo dos gregos a palabra era “lógos”, palabra e razón ó mesmo tempo. A loita, máis ou menos agachada, polo poder dos medios actuais de difusión converteu a linguaxe nun rebumbio de palabras, baleiras moitas veces de senso racional e de compromiso persoal. Non son bos tempos certamente para os “mártires” da palabra e pola palabra. Pero é que ademais “sabemos demasiado”. Un rapaz de catorce anos da nosa época (a idade que tería o noso Paio cando lle tocou morrer) dálle cen voltas en “saberes” a Paio e, nembargantes, poida que Paio fose más sabio ca el. Estamos hoxe tan ateigados de palabras da televisión, do transistor, do teléfono, que nin sequera temos tempo nin acougo para sabermos que facer con todo iso. Que San Paio nos ampare, irmáns!
[“Faro de Vigo”, 24 de xuño de 1992]