Ai, por Deus, que foi de nós?
Levar o ferro colgando
no canto do corazón!
Manuel Cabada Castro
Comecemos por lembrar as críticas que ó seu comportamento se lle dirixiron dende hai xa un certo tempo, por máis que non por iso semellen ser aínda suficientemente coñecidas.
Con anterioridade ó remate da guerra civil (cara ó ano 1938) publicáranse en Francia e Arxentina ata tres edicións dunha obra que posteriormente (1998) editará Carlos Pereira Martínez, traducida ó galego, co título O que fixeron en Galicia. 1936. O autor dese escrito de 1938 é descoñecido, aínda que se pense na posíbel autoría, polo menos indirecta, de Luís Seoane. Pois ben, nela recóllense puntuais informacións sobre Nieto. Velaquí van algunhas delas:
“Un dos agobios máis penosos de soportar [no lazareto de San Simón] era o da inxerencia clerical na prisión. As coaccións que se exercían sobre os presos a conta da relixión eran vergoñentas. Era obrigatorio oír misa todos os domingos e festas de gardar fosen cales fosen as crenzas dos detidos [...] Tiñamos no cárcere un capelán, o padre Nieto, xesuíta grande, forte, brután, deses típicos xesuítas de arado, que todos os domingos desde o púlpito, despois da misa na capela da cadea, pregoaba que cumpría exterminarnos [...] Nunha das [prédicas especialísimas], que pronunciou no frontón estando eu alí, oínlle dicir textualmente:
- Nestes tempos heroicos hai tres maneiras de morrer: no leito, cando o Señor nos chama para o seu seo; na fronte, gañando honra e gloria para a patria; e na estrada, como cans rabiosos. A vós, que estades próximos de morrer, cómpre antes de máis nada pórvos a ben con Deus e escollerdes despois a morte que mellor vos poida redimir dos vosos pecados.
Así falaba no mes de agosto o padre Nieto, sacerdote xesuíta, dirixíndose aos presos do frontón de Vigo.
As súas coaccións empurrando os detidos a alistárense no Tercio non se limitaban a estas arengadas. Acosaba persoalmente os que achaba máis indicados para iren morrer polo triunfo de Franco. Durante uns días estivo a coaccionar dous súbditos checoeslovacos encadeados [...] Estas coaccións foron constantes. Aínda no mes de marzo ou abril aos presos que non estaban encausados dábaselles a elixir entre se inscribiren no Tercio ou seren entregues aos falanxistas para que os ‘paseasen’ [...] As predicacións do padre Nieto, axente de enganche do Tercio, non foron moi frutíferas [...] Condenaron á morte en Consello de Guerra un mozo de Lavadores acusado de ter tomado parte na resistencia armada contra a tropa. Era un mozo duns vinte anos, loiro, de boa planta [...] Cando se lle notificou a sentencia que o condenaba a ser pasado polas armas caeu sobre el o padre Nieto exhortándoo co seu verbo groseiro e brutal para que se puxese a ben con Deus ‘con lo que nada perdería porque de todas maneras lo iban matar’ [...] O reo apoucado pola terríbel sentencia non sabía como se librar daquel acoso cruel do padre Nieto que asombraba ferozmente as últimas horas da súa vida. Para quitalo de encima e poder sequera entregarse á súa congoxa, díxolle:
-Déixeme vostede, agora. Non insista máis. Estou disposto a confesarme e a morrer no seo da Igrexa xa que é preciso, mais só no intre derradeiro, cando me vaian matar. Agora déixeme vostede.
O padre Nieto, arrancada ao reo esta promesa, foise satisfeito. Preguntou ao saír cando se había verificar o fusilamento e como lle dixeran que tería lugar no castelo do Castro na amañecida marchou para a súa casa a deitarse unhas horas.
Cando de madrugada trasladaron o reo ao castelo de Castro xa estaba alí o padre Nieto á espera coa súa aparencia de aldeán, o seu paraugas e o seu breviario. O reo, en véndoo, rexeitouno cun aceno enérxico:
-Non me moleste vostede. Estou decidido a morrer sen confesión.
-¿Como? –bramou o crego.
-Xa llo dixen. Déixeme morrer en paz.
-¡Ah, maldito! ¿E para iso fasme vir desde Vigo e subir esta encosta do demonio? ¡Ah!, non! ¡Isto é unha burla e non a tolero! ¡Non a tolero!
Brandindo con xesto ameazante o seu paraugas e o seu breviario, o padre Nieto estivo a oulear e insultar ao condenado mentres o levaban diante do piquete. A visión derradeira que desta vida levou aquel infortunado era a daquel crego berrando como un energúmeno porque o fixeron erguer de madrugada ‘para nada’” (O que fixeron en Galicia. 1936, ed. Carlos Pereira Martínez, Vigo, Promocións Culturais Galegas, 1998, p. 65-67).
Cabería pensar que este tipo de informacións e comentarios orixinados nos anos da guerra sobre o comportamento e as actuacións de Nieto poderían estar un tanto infladas debido a tal circunstancia. Porén, diversas pescudas realizadas xa no noso século XXI veñen confirmar a súa fundamental veracidade. En relación con isto, aludo a referencias que se fan a Nieto en estudos publicados no ano 2006 por G. Amoedo López e R. Gil Moure, Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón (p. 88-94, 147) ou por C. F. Velasco Souto no seu volume 1936. Represión e alzamento militar en Galiza (p. 70-71). Con todo, quizais resulte porén ser máis ilustrativo ó respecto o estudo (só algúns anos posterior) do historiador da universidade de Vigo J. R. Rodríguez Lago, que afonda no tema con comentarios coma os seguintes:
“En Vigo, el protagonista indiscutible del terror en las conciencias de los encarcelados fue el jesuita Petronilo Nieto, presente en las horas más duras de la represión en el campo de concentración de la isla de San Simón. Sus atroces homilías quedarían marcadas en la retina y la conciencia de muchos delos allí detenidos. En febrero de 1933 este religioso había protagonizado varios altercados con las autoridades municipales, que lo acusaban de desarrollar labores de proselitismo en centros benéficos de titularidad pública [...] En los primeros días de la guerra quedaría claro que el padre Nieto empleaba métodos más que discutibles para sus actividades pastorales. Su participación junto a falangistas y guardias civiles en el traslado de los presos desde el improvisado penal del frontón al campo de reclusión instalado en la isla de San Simón sería una buena prueba de ello; pero sería en el antiguo lazareto de la ría de Vigo donde desplegaría todo su repertorio de rabioso integrismo [...] Aquel sacerdote de dimensiones exageradas ascendía al púlpito improvisado en el penal y, apoyado sobre un banco, se envolvía en la retórica de la cruzada. Imitando la propaganda del terror alentada por Millán Astray, y tras iniciar piadosamente la celebración eucarística, elevaba repentinamente el tono amenazador para hacer llegar a los atemorizados presos sus proclamas de odio [...] En ocasiones, armado con pistola al cinto, llegó a actuar como ejecutor improvisado. Otras, incitaba a los encargados a la máxima represión, como aquella mañana en la que, tras descargar un soldado un tiro de gracia en uno de los presos amotinados, exigía finalizar la faena con eficiencia1. Su orientación litúrgica se centraba obsesivamente en el binomio del pecado y la muerte. El hecho de programar sus sermones en función de la fidelidad a los mandamientos de la sagrada ley divina levantó entre los presos la curiosidad por saber cómo aquel cura abominable, que disponía de un sinfín de cánticos a la violencia regeneradora, afrontaría el significado del quinto mandamiento. Su respuesta decepcionó a aquellos que non lograban entender cómo podía alguien así actuar como representante de la divinidad2. Entre los que sufrían ese discurso exacerbado se encontraban numerosos fieles que se sorprendían de la inhumanidad de aquel sacerdote colérico y extraordinariamente sádico. Las aterradoras visitas del padre Nieto finalizaron el 28 de octubre de 1938. Sus acciones forman parte del episodio más negro de los narrados sobre la labor desarrollada por los capellanes en las abarrotadas prisiones de la retaguardia gallega” (José Ramón Rodríguez Lago, Cruzados o herejes. La religión, la Iglesia y los católicos en la Galicia de la guerra civil, Gaxate – A Lama, Ed. Nigra Trea, 2010, p. 171-173).
Pois ben, trala correspondente consulta dos catálogos anuais xesuíticos internos da época, informo seguidamente sobre as esquemáticas noticias que aparecen sobre Nieto dende a súa entrada na orde xesuítica ata o seu pasamento. Coido que estas informacións poderían servir polo menos como estrutura cronolóxica (e en certo modo tamén ideolóxica) para así podermos contextualizar en certa medida a mentalidade e os comportamentos de Nieto, por máis que estes non poidan ser en si mesmos suficientemente explicados; e moito menos en modo algún ser xustificados.
Nacera o 31 de maio de 1876 na localidade castelá de Muñico (provincia de Ávila), ingresando na Compañía de Xesús en Carrión de los Condes (Palencia) o 28 de maio de 1892. Estaba para cumprir dezaseis anos. O seu pasamento ocorrería na cidade de Salamanca o 27 de nadal do ano 1952. Os seus primeiros estudos humanísticos trala súa entrada na orde realízaos nos anos seguintes na mencionada localidade palentina. Nos anos 1899 e 1900 dedicarase en Oña (Burgos) ós regulamentarios estudos de filosofía. Será nos dous anos seguintes (1901 e 1902) cando accede, seguramente por primeira vez, a un país, tan distante e tan distinto para el, como Galicia. Inicia desta forma o que na xerga xesuítica se denomina a época de “maxisterio”, dándolles clases de Xeografía ós alumnos do colexio xesuítico da Guarda, á beira do Miño no seu encontro co Atlántico. Tras dous anos alí é trasladado ó colexio que a orde ten en Tudela (Navarra) onde durante outros dous anos (1903 e 1904) ensinará Historia de España. Serán estas tamén Xeografía e Historia de España, as materias das que el se encargará de ensinar no resto da súa vida en diversos colexios xesuíticos. Rematada esta etapa de “maxisterio” volverá a Oña (Burgos) para se dedicar agora durante tres anos (1905 a 1907) ós estudos de teoloxía. Posteriormente, e tras un ano que pasa en Manresa (Barcelona) dedicado alí á no argot xesuítico denominada “Terceira Probación”, volverá á docencia acostumada, agora no colexio xesuítico de San Xosé de Valladolid, onde permanece durante seis cursos (1909 a 1914). É durante esta súa estancia no colexio castelán cando é ordenado sacerdote (no ano 1911). Volve posteriormente, para permanecer alí -como na primeira vez- durante outros dous anos (1915 e 1916), ó seu primeiro colexio da Guarda, desprazándose logo (igual ca no periplo anterior) ó colexio de Tudela (onde permanece así mesmo durante outros dous anos: 1917 e 1918).
Un cambio relativamente significativo ocorre porén agora ó Nieto ser destinado a un colexio da cidade de Santiago de Cuba, atendida naqueles anos relixiosa e educativamente por xesuítas españois. Non só porque agora precisará adaptar a súa docencia á nova realidade (en Cuba impartirá agora xeografía “universal” e historia de “América”), senón porque é entón cando, a teor dos catálogos internos correspondentes ós anos que el pasa alí (de 1919 a 1922), aparece el por primeira vez coa función de “visitar cárceres e hospitais”, algo que acompañará xa sempre desde entón o seu nome nos seguintes catálogos ata finais do ano 1936, tal como logo indicarei. Tralo seu pasamento dirase en relación con esta súa etapa ultramarina na correspondente necrolóxica interna: “En Cuba se hizo famoso asistiendo a los ajusticiados y habló de él elogiosamente la prensa” (Noticias. Provincia de León S. J., nº 96, outubro-decembro 1952, p. 129).
Trala súa volta de Cuba, Nieto residirá xa por primeira vez en Vigo durante catro anos (1923 a 19263), dedicado á súa habitual función docente e asistencial-relixiosa, residindo nestes anos na nova sede da Molinera do colexio “Apóstolo Santiago”, que fora trasladado algúns anos antes desde a súa anterior sede da Guarda a Vigo para comezar xa o curso 1916-1917 nesta cidade. Durante un período de seis anos (1927 a 1932) volverá residir porén en terras casteláns, concretamente en Palencia. Entre tanto, como é ben sabido, o goberno republicano estabelécese en España no ano 1931, disolvendo legalmente no ano seguinte a Compañía de Xesús en todo o territorio español. Os membros da mesma que ficaron en España víronse forzados en consecuencia a vivir, de xeito máis ou menos disimulado, en pequenos grupos (denominados “Coetus” nos catálogos internos). É nestas circunstancias como aparece Nieto nun deses grupos en Vigo nos catálogos dos anos 1933 a 1935 inclusive (por máis que nos catálogos respectivos non figuren, por cautela, os nomes das localidades nas que de feito residen os compoñentes de tales grupos). Nos catálogos de anos posteriores deixa xa de haber tales “Coetus” ou grupos. Nieto residirá, pois, nesta súa segunda e conflitiva estadía en Vigo desde o ano 1933 ata o 1940 e, máis concretamente, na Travesía del Banco de España (na actualidade: rúa Oporto), 2, 4º, nun último andar da coñecida e monumental “Casa Bonín” (Cf. E. Rivera, Colegio Apóstol Santiago. Historia de una larga peregrinación, Vigo, 1993, p. 345).
As críticas, máis arriba mencionadas, ó comportamento de Nieto hai que inserilas, xa que logo, nesta súa segunda etapa viguesa, marcada ó tempo no seu caso tanto pola decisión política do lexítimo goberno republicano respecto dos xesuítas como polo posterior e ilexítimo golpe militar contra o mesmo goberno. Polo que se ve, en tal conflito semella ter triunfado nel a opción violenta e vingativa (na máis arriba citada necrolóxica interna do ano 1952 dise sobre Nieto que posuía un “carácter fuerte e impetuoso”...) fronte a outro tipo de consideracións, incluso fronte a aquelas que en principio cabería pensar que deberían ser especificamente as súas, dada a súa condición de público anunciador e proclamador dunha “boa nova” que por ser tal non podería converterse en ningún momento en proclama terrorífica.
En calquera caso, teño a sospeita (ante a ausencia neste intre de máis datos) de que algo puido ocorrer para que a indicación de “visita cárceres” referida a Nieto (presente desde os seus tempos de Cuba en tódolos catálogos xesuíticos anteriores ó de 1937) deixe, porén, sorprendentemente de aparecer no catálogo dese ano (1937) e tamén dos seguintes (1938, 1939 e 1940), é dicir, durante o resto do tempo en que el reside aínda en Vigo ata que é destinado a continuación, en realidade xa de maneira definitiva, a Salamanca. Pois o feito é que, trala ausencia polo menos “oficial” (é dicir, a teor do escrito nos catálogos internos da orde) durante estes anos de calquera relación cos presos carcerarios de Vigo, volverá desenvolver porén aínda en Salamanca idéntica actividade durante dez longos anos: desde que chega alí ata só un par de anos antes do seu pasamento na mesma cidade do Tormes, non moi distante do seu lugar de nacemento en Ávila.
Recibiu el quizais (sería isto en tal caso posibelmente cara a finais do ano 1936) por parte de alguén con autoridade sobre el algunha oportuna e necesaria amoestación en relación co seu inaceptábel comportamento cos presos ou detidos de Vigo? O seu Superior Provincial era entón o salmantino Antonio Encinas (exerceu o seu cargo dende o 8 de decembro de 1934 ata o 11 de maio de 1940), co que curiosamente, a teor do que se le na máis arriba mencionada necrolóxica sobre Nieto, fará este (un ano antes do seu pasamento) exercicios espirituais durante un mes enteiro en Salamanca, como preparación –segundo na necrolóxica se indica- para a celebración dos seus sesenta anos como xesuíta. A tales efectos unirase Nieto ó grupo dos na xerga xesuítica denominados “terceróns”, atendidos e dirixidos por Encinas, que para entón deixara xa de ser Provincial e exercía agora o cargo de director dos que realizaban durante un ano a chamada “Terceira Probación”, que incluía a práctica dun mes de exercicios espirituais.
En calquera caso, de Encinas en canto encargado ou responsábel dos destinos dos seus subordinados tivo que provir necesariamente o cambio de destino de Nieto de Vigo a Salamanca e incluso estaría el tamén probabelmente na orixe, directa ou indirectamente, do feito de que nos catálogos mencionados dos anos 1937 a 1940 desaparecese a atención ós presos como tarefa vencellada a Nieto (ou a calquera outro xesuíta residente en Vigo). De todos modos, cómpre engadir así mesmo que Encinas participaba tamén en boa medida da xeral simpatía da xerarquía eclesiástica da época en relación co golpe militar franquista, aínda que naturalmente sen chegar ós “excesos” fácticos e concretos de Nieto. Xustamente na mesma época na que se sitúan tales “excesos” escribía por exemplo Encinas, en canto provincial da denominada “provincia de León” (que incluía Galicia etc.), desde Hendaia con data do 1 de setembro de 1936 (mes e medio despois de se iniciar a rebelión militar franquista) ó Superior Xeral da orde en Roma parágrafos coma estes, nos que o espírito “pacífico” ou pacifista, humanista ou de concordia brilla pola súa ausencia en contraste coa nidia loa do espírito bélico:
“Ayer leí en los periódicos franceses que corría el rumor de que el Santo Padre trataba de intervenir en orden a que cese la guerra de España. Me ocurre que difícilmente podrá hacerlo sin graves peligros [...] Los católicos ven en esta guerra una verdadera cruzada religiosa contra el ateísmo; y la juzgan totalmente inevitable: o se vence en ella o el catolicismo desaparece de España. Por esto ofrecen haciendas y vidas, sin límites, para la campaña. Sería pues grandísimo su desagrado y enorme su desilusión si de las palabras del Papa quedasen con duda de si el Sumo Pontífice aprueba su actuación, o si la reprueba.
Esto pudiera influir eficazmente aun en la pérdida de la guerra [...] También creo que fácilmente perdería mucho el Papa de su autoridad; porque en la mayoría haría la impresión de que hablaba de las cosas de España sin saber lo que aquí pasa [...] Habían determinado [el proletariado español] degollarnos –sic- a los católicos y lo hubieran hecho si la juventud y el ejército hubieran tardado ocho días más en ponerse en armas. Con hombres así, convertidos en fieras, es imposible la convivencia.
Por otra parte los excesos que hacen los blancos, en las ciudades a ellos sometidas, no creo que sean grandes por lo que he podido apreciar en Pamplona, Burgos, Palencia, Valladolid y Salamanca. Condenan sí a bastantes a muerte, pero juzgándolos antes, y generalmente, según tengo entendido, bien escogidos de entre los dirigentes; y que si quedaran vivos, volverían otra vez al estado de antes. No se puede afirmar que falten del todo casos de venganzas personales, pero creo que son pocos y cada vez menos. La prensa extranjera de izquierdas, copiando a la de España de izquierdas, mienten descaradamente exagerando las cosas monstruosamente [...] Pero espero en Dios que nos dará la victoria [...]”4.
Cando Encinas escribe isto, había porén semanas que en Galicia eran xa moitos os asasinados polos golpistas, entre eles por exemplo persoeiros tan sobranceiros como Alexandre Bóveda un daqueles que o provincial xesuíta podería contar entre os que na súa carta denomina “bien escogidos de entre los dirigentes”, por máis que Encinas seguramente non soubera nada sobre el.
O caso do xesuíta salmantino non é por outro lado algo particular ou excepcional, se cremos a estudosos desta tráxica etapa histórica como Jorge García Ocón, cando hai pouco alude no seu documentado artigo La restauración de la Compañía de Jesús bajo el régimen de Franco en 1938 [“Miscelánea Comillas”, vol. 77 (2019), núm. 151] á “buena sintonía y colaboración de la Compañía de Jesús con la causa de los sublevados” (p. 269], indicando neste sentido que “había un sentimiento de adhesión hacia la causa de los sublevados por parte de la Compañía de Jesús” (p. 270). “En el verano de 1937, la causa de los blancos –continúa García Ocón - era apoyada por la totalidad de la Compañía de Jesús, tanto en España como fuera” (p. 273).
Dadas estas premisas, é comprensíbel que os colexios dirixidos nesta época polos xesuítas participaran desa mesma mentalidade política, que se converteu así case nun novo modo de relixión. Así ocorreu de feito en boa medida co colexio “Apóstolo Santiago” de Vigo nas diversas sedes polas que peregrinou trala incautación da súa sede en Vigo en 1932. Encinas converteríase así de feito, como Reitor que foi do colexio na súa sede de Curía (Portugal) ata o seu nomeamento como provincial (8 de nadal de 1934), en alma e vida de todo un modo de pensar e de sentir que se transmitía de moi diversas formas ó alumnado. Así nolo vén referir un dos alumnos de Curía (Juan L. de Clairac) cando no ano 1939 publicaba en “O Noso Lar / Nuestros Jóvenes” (nº 52, 5 de xullo, p. 5) o seu artigo Nuestros jóvenes de paz y de guerra, que comeza deste xeito:
“Nació NUEVOS JÓVENES en Portugal, en Curía; es decir, en el destierro. Y ¿por qué? Porque allí en aquel rincón lusitano se estaban formando los jóvenes nuevos, los que tenían muy pronto que salvar a España. ¡Cuántas veces nos repetía el Padre Encinas esta idea! En el comedor, en la Capilla, en el Salón de Actos, siempre que encontraba ocasión para hablarnos [...] (En el frente a 25-III-39)”.
É dicir, a “boa sintonía e colaboración da Compañía de Xesús coa causa dos sublevados” (das que nos fala García Ocón, tal como se indicou) acada de feito naqueles anos forma explícita e bélica no ámbito dun colexio xesuítico concreto como o “Apóstolo Santiago”. Compréndese así tamén dalgunha maneira o elevado número de antigos alumnos (oitenta) que figurarán na lista de “caídos por Dios y por España” entre 1936 e 1939 na páxina 16 do número 79 (Extraordinario) de decembro de 1943 da mesma revista colexial.
O aquí dito queda en realidade confirmado polo que tamén se publica na revista “O Noso Lar”, no número 79 (extraordinario de decembro de 1943), p. 36, onde se fai constar o seguinte: “Desde 1936, el Colegio del Apóstol [...] se propuso con decidido optimismo y sin recelos cooperar con el nuevo Estado”. Faise así dalgún xeito comprensíbel, aínda que seguramente resulte sorprendente, o que a comezos do ano seguinte (1937) se pode ler na mesma revista (“O Noso Lar”, nº 35, febreiro de 1937) baixo o título de “Las vacaciones de Navidad en Mondariz” en relación coa “misa de 1º de ano”, cando o colexio tiña xa agora como nova sede Mondariz, trala anterior de Curía:
“Como todos los alumnos marcharon a sus casas nos quedamos sin elementos para fiestas. Con todo, algunos había y de ellos echamos mano para las funciones religiosas y para unos conatos de funciones recreativas [...]. La misa de 1º de año ya fue solemne y revistió mayor aparato por la presencia de una columna mixta de Guardias Civiles, de Asalto y Cívicos que por aquellos días se hospedaban en nuestra casa, como centro de operaciones para una fructuosa batida que dieron por estos montes, limpiándolos de una partida de malhechores. En correcta formación, y presididos por sus jefes, un Capitán de asalto y el Alférez de los cívicos don Víctor Lis Quibén, asistieron a la Misa haciendo guardia de honor junto al altar una patrulla con bayoneta calada, y tocando la Marcha real una banda expresamente invitada. En el coro se cantó por los Padres la misa a tres voces graves de Perosi y la concurrencia fue muy numerosa.”
Como é doado ver, a harmoniosa presenza e simultánea conxunción de militares, represores (V. Lis Quibén foi destacado represor na provincia de Pontevedra5) nun acto relixioso tan central como a eucaristía, presidida polos representantes relixiosos dun colexio como o “Santiago Apóstolo”, di máis sobre sobre o bo entendemento entre entidades en principio tan dispares ca moitas palabras.
Quero xa concluír, finalmente, indicando que a longa ocultación de acontecementos coma os aquí comentados non son nada san, xusto nin digno. Nin para os individuos nin para a sociedade na que se vive. Tampouco o poden ser para a Igrexa coa que tales acontecementos están de feito estreitamente relacionados. Polo menos nos tempos de hoxe e a teor do que o actual pontífice Francisco ten indicado pola súa parte no seu recente escrito “Fratelli tutti”, comentando ben claramente nel que “endexamais se avanza sen memoria” e que “necesitamos manter viva a chama da conciencia colectiva, testemuñando ás xeracións vindeiras o horror do ocorrido”
2 Alude tamén aquí en nota Rodríguez Lago ás seguintes palabras atribuídas a Nieto, tomadas da memoria dos presos de San Simón: “Casualmente les puedo hablar hoy del quinto mandamiento, porque lo mismo que el labrador hace la escarda de la mala hierba, Cristo también permite que todos aquellos sean extirpados para que haya una buena cosecha [...] Lo que se debe hacer es limpiar la sociedad de gente maligna, indeseable [...] ¡Esos rojos, ¡asesinos!, ¡hijos sin padre!, ¡hijos de la Pasionaria!, ¡incendiarios! [...], ¡dinamiteros! ¡Hay que quemarlos como se quemó a los judíos!”
3 A esta época (curso 1924-25) corresponde a fotografía da comunidade de xesuítas do colexio, entre os que aparece Nieto, que pode ser vista en E. Rivera, Colegio Apóstol Santiago. Historia de una larga peregrinación, Vigo, 1993, p. 275. A mesma fotografía pode verse tamén en “O Noso Lar”, nº 79, número extraordinario de decembro de 1943, p. 4.
4 ARSI, Pr, Legion. 1007 VI, 39. Na cabeceira da carta faise constar á man que se remitiu copia da mesma ó Card. Pacelli (futuro papa e daquela Secretario de Estado da Santa Sede). O texto orixinal da carta abrangue dous folios completos.
5 Ver Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron (Santiago de Compostela, Sermos Galiza, 2017) p. 43, 53-57, 185, 194.