Manuel Cabada Castro
| Tarabelas velaí veñen, coma demos branqueados pra pousarse en terra nosa. Veñen cedo, decontado! Se as deixamos asentar, non doado nos vai ser de alí logo as arrincar. Tempo é xa de nos erguer! Defendamos logo o noso. Somos da Terra de Montes! Non creamos en palabras que non son de boa fonte. Parte nosa son os montes. Rechouchíos de lavercas, iso si. Rexo NON, porén, ó zoar das tarabelas! Ben sabemos que buscades un proveito que é só voso. Bo negocio e asegurado, mais os montes sonvos nosos! Defendémonos a nós: terra nosa e o noso estar! Defendemos os que acougan e os que a queiran habitar. Respectamos e queremos fauna e flora que aquí hai, bestas, pombos, cantas vidas onda nós queiran estar. Non ós monstros e xigantes, que nos queren atordar. Son mecanos desalmados que nos veñen provocar. Moito disto xa o intuíra o gran xenio de Cervantes cando el viu que tralos muíños se agachaban os xigantes. No é o vento, meus amigos, quen do muíño move as aspas. Poderosos cabaleiros do diñeiro nel se agachan. Terra e ceos son gratuítos, don de arriba e non se merca. Foron dados pra os coidar. Non queremos tarabelas! |
RSS Feed
