(Milan Kundera)
Lola Varela
Dionísio Pereira
Ao longo dos anos 40 do século XX acelerouse a repoboación forestal masiva dos montes comunais por parte do consorcio formado por Patrimonio Forestal del Estado, a Deputación Provincial e os Concellos, perdendo a veciñanza o seu control e os usos tradicionais do monte en detrimento das capas máis humildes. Daquela, houbo resistencias locais; a comezos dos 50, na parroquia cerdedense de San Martiño de Figueroa a veciñanza (a maioría mulleres, xa que os canteiros andaban na emigración) negouse á prestación obrigatoria esixida para os traballos de repoboación, obrigando á Forestal a traer xente de fora. E houbo tirapuxas cos gardas polas multas que impuñan a quen levara gando ao monte. Como resultado, varias mulleres de Figueroa foron presas pola garda civil e pasaron días na cadea. Algo semellante ocorrera pouco antes en San Isidro de Montes, onde o abade Erundino Gago (natural de Quireza) apoiou á veciñanza no seu preito contra o Servicio Forestal de Pontevedra e o Concello de Campo Lameiro,por terse apropiado dos comunais.
Anos andados, correndo 1977, a revista Teima daba conta da paralización por parte de FENOSA do proxecto de construción dun grande encoro en Dorna, que ía afectar ao 70% dos mellores lameiros do Concello de Cerdedo. Sitios como Vichocuntín e OSerrapio ían quedar asolagados e outros como Fondós, Bugarín ou Pedre (coa súa ponte medieval), moi afectados. Diante disto, a veciñanza reaccionou e acadou unha cumprida compensación económica coa que puido repoñer a vida que lles era arrebatada. Mais o encoro nunca se fixo..
Mediado os anos 90 unha nova ameaza pairou sobre Cerdedo. Saturado o vertedoiro de O Rapadiño (Cerponzóns) onde se amoreaba o lixo de Pontevedra e Sanxenxo,na procura de alternativas polos arredores ambos concellos estiveron a piques de aceptar a proposta dun particular que mercara varias parcelas no monte de Vilar de Figueroa, para dedicalas a tal fin. Entre a Comunidade veciñal de Vilar e a AAVV “San Roque” de Cerdedo paralizouse este despropósito xa que, ademais de prexudicar á veciñanza pola proximidade das vivendas, ese vertedoiro podería danar augas subterráneas e os camións de grande tonelaxe esnaquizar camiños e pistas, entre outras consecuencias.
A Plataforma pola Defensa do Lérez creouse no ano 2000 por asociacións veciñais, ecoloxistas, comunidades de montes, entidades culturais tal que a Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido”, partidos políticos… para frear o proxecto de FENOSA de instalar 6 minicentrais ao longo do río, desde Cerdedo ate Pontevedra. A construción dos encoros sería, máis una vez, unha ameaza para a ponte e a calzada romana de Pedre, afectando ao coto troiteiro e ás augas medicinais de San Xurxo de Sacos. Tras dura confrontación, o proxecto se concretou só con 3 minicentrais.
A loita contra a ampliación dos parques eólicos que xa existían na Serra do Cando e a implantación dalgún novo nos montes de Quireza e Montillón, foi unha das actividades senlleiras da Asociación de Terra de Montes “Verbo Xido” entre 2002 e 2004, en apoio da veciñanza afectada. Marchas polo monte, alegacións e actos de denuncia, permitiron que os plans iniciais ficaran en auga de castañas.
“Non ao AVE por Terra de Montes” foi un lema constante de“Verbo Xido” a partir de 2004, data na que UGT propuxo o trazado por Cerdedo malia afectar á Rede Natura 2000 e poñer en perigo a gandeiría extensiva e o patrimonio arqueolóxico, etnográfico e artístico da zona, causandoa maiores un grave impacto ambiental. Hoxe é un proxectosemi-paralizado pola falta de investimento privado, pero que certos intereses políticos teiman en resucitar.
Divulgar a situación dos ríos e aumentar a concienciación ambiental a través da participación cidadá, son obxectivos do “Proxecto Ríos”, creado por ADEGA no 2005 e no que “Verbo Xido” colaborou durante varios anos limpando o río Quireza. E tamén se fixo un seguimento dos verquidos da canteira de Malvar ao río Castro e da construción da minicentral de Cernados.
Ao cabo, no ano 2013 varias empresas multinacionais alentaron unha megamineríade tantalio, estaño e litio en Presqueiras. O proxecto, prexudicial para as actividades agro-gandeiras e forestais, causou moita inquedanza na zona pola masiva utilización de auga no procesamento do mineral. Así ficou ás claras por partede os presidentes das Comunidade de Montes de San Miguel de Presqueiras e de Xirarga, a representante do Sindicato Labrego e o da rede ContraMINAcción nun acto organizado por“Verbo Xido”. Logo, non se volveu falar da iniciativa, malia que a ameaza persiste en bisbarras colindantes como O Suído.
As resistencias de antes e as de agora forman parte dunha cadea que ven de moito atrás e continúa ate os colectivos actuais que defenden o territorio, caso do “Capitán Gosende”, o Galpom Social "A de Rousmeri" e, sobre todo, da “Alarma na Terra de Montes”. Recuperemos, pois, a memoria desta teima resistente para que ocupe o lugar que merece na identidade colectiva da nosa maltratada Terra de Montes.