O colectivo Capitán Gosende descobre unha mámoa nas proximidades da peneda do Outeiro Pernide, en Limeres.
Calros Solla
Apeados da viatura, avanzamos sen norte pola pista forestal que cingue o meridión do chamado monte de Baixo. Axiña reparamos na novidade dunha roza recente que, con tractor de cadeas, se operara naquela lomba.
Sabedores da existencia no lugar dunha mámoa catalogada, percorremos a superficie desbravada coa intención de verificar se o labor se acometera respectando –xa non as preceptivas cautelas–, senón a integridade do propio túmulo. Por desgraza, como vén sendo costume no país, o xacemento megalítico, consignado no inventario de Patrimonio dende 2001 co nome de “mámoa nº 2 do Meixón”, reflectía os efectos dunha intervención con maquinaria pesada. Por desleixo ou por descoñecemento, o operario encarriscara o vehículo a tracción pola coiraza arriba para rapar a medorra a cero. Véxase a fotografía anexa.
A mámoa nº 2 do Meixón (coordenadas.- X: 548.283; Y: 4.707.760; alt. 546 m) é un dos dous túmulos catalogados pola Administración nesa zona. A mámoa nº 1 do Meixón (coordenadas.- X: 548.351; Y: 4.707.845) sitúase a uns 90 m, cara ao nordés, da súa xemelga. Ambas as dúas localízanse nunha tenza montesa (monte de Baixo) prolífica así mesmo en petróglifos e lendas. Ambas as dúas, conforme as notas de Patrimonio, foron obxecto constante de vulneración por mor da actividade agrícola e forestal. A destrución continúa.
No tocante aos gravados rupestres do monte de Baixo, Patrimonio catalogara en 2001 os denominados “petróglifo nº 1 do Meixón” (constelación de coviñas e elemento circular), o “petróglifo nº 2 do Meixón” (combinacións circulares) e o “petróglifo nº 3 do Meixón” (espiral). Pola nosa banda, o colectivo Capitán Gosende descubriu en 2008 e 2017 os denominados “petróglifo do monte Baixo Ib” (constelación de coviñas), o “monte de Baixo IV” (coviñas espalladas; cruz de termo), o “monte de Baixo V” (rectilíneos e curvilíneos) e o “serpentiforme de Limeres” (cobra enrodelada en posición heráldica). Consúltese, a maior abastanza: O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo (Ed. Morgante, 2017).
A mámoa nº 2 do Meixón (mellor, mámoa do monte de Baixo II) posúe, na actualidade, uns 15-16 m de diámetro, exhibindo unha foca de espoliación duns 3 m de diámetro.
Tomamos nota da enésima falcatrúa e regresamos á pista principal, para dirixírmonos sen máis paraxe cara aos altos de por riba da aldea de San Bernabé (parroquia de Cerdedo), dirección suroeste. Percorridos tan só uns 500 m, á beira dereita do camiño, advertimos entre a fronde unha prominencia delatora. Tripamos polo noiro e, unha vez inmersos na boscaxe, fomos quen de distinguir unha outra mámoa –esta, inédita–, aletargada no seu quedo mimetismo. Ao detectar a nosa presenza, a medoña semellou acordar, e bocexounos o seu cráter de saqueo, como arrincada dun profundo sono de eóns.
Para facilitar a súa localización, bautizamos a nova descuberta co nome de “mámoa do Outeiro Pernide” (coordenadas.- X: 547.781; Y: 4.707.607; alt. 573 m). A seguir, procedemos a pasarlle o metro: 15 ou 16 m de diámetro e 4’50 m de foca de profanación.
Carballos sesentóns, salgueiros, acivos, piñeiros e variada vexetación herbácea colonizaron a coiraza do megálito. Xacando, o ancheamento do camiño raspou o cuadrante sur do xacemento.
Á noite, diante do computador, corroborei a existencia do sitio arqueolóxico botando man dos visores ao meu dispor. Consonte o rastro observado na serie histórica de ortofotos, o xacigo estivo a piques de ser arrasado nos anos 70 coa apertura, polo norte, dunha devasa cara á cimeira de Pernide. O túmulo salvou por un pelo. Véxanse as fotografías anexas.
Coa mámoa do Outeiro Pernide, o colectivo Capitán Gosende achou, catalogou e deu a coñecer 12 túmulos inéditos na comarca de Montes. Recapitulamos:
En Cerdedo descubríronse 10 mámoas: dúas en Pedrouzos, do lado de Castro (Pedrouzos III e IV; Faro de Vigo, 7-3-2019); dúas no Castriño (VI e VII), entre Mamoalba e Fondós (Quireza; FdV, 8-3-2020); unha en Vilarchán (Quireza; FdV, 8-3-2020); outra en Cuíña (Quireza; ; FdV, 20-10-2019); unha na necrópole do Campo dos Cans (Outeiro dos Corvos IX) (Tomonde; Tabeirós-Montes, 8-3-2020); outra mámoa en Portugal (Figueiroa; FdV, 3-10-2021); outra en Tomonde (Veiga das Arcas II; FdV, 3-7-2022); e a duodécima, a mámoa do Outeiro Pernide, descuberta o pasado domingo 22 de outubro entre as aldeas de Limeres e San Bernabé.
En Cotobade descubríronse 2 mámoas: os dous xacementos localizados na parroquia de Caroi (As Zacoteiras IV; Nós, 12-6-2020 e Chan do Caveiro; FdV, 23-5-2021).
O número de tumbas neolíticas inventariadas no antigo concello de Cerdedo ascende agora a 55. Os bens descubertos polo Capitán Gosende aínda non foron incorporados ao catálogo de Patrimonio, mais, visto o visto, figurar nese inventario e rañar o cu para atallar a tose todo é un.
Capitán Gosende: descuberta, salvagarda, valorización, divulgación; voluntariado. Chova que vente!!!