Manuel Cabada Castro
E veña! -dálle que dálle- e nunca arrincaba. Mais hoxe xa ben que me urxía... Os xornais mañanceiros dicíannos que nun par de días remataba a festa. A festa, si. Porque eran cantos e emocións conxeladas no tempo os que o pergamiño Vindel agachaba en si. Música e todo había nel!
Arriaba esta mañá desde as comportas do ceo e a terra enchoupábase de choros acaecidos, presaxiando seguramente despedidas ingratas. Si, si, o próximo día 4 deste mes déixanos Martín Códax e volve ás Américas, dicíanme! Talmente coma un máis daqueles descendentes seus que nacerían moito tempo despois del. Mais non! Martín Códax viviu aquí, connosco, na súa terra, no seu fogar. Aquí viviu e finou. Cantaba, folgaba, bailaba e traballaba. E amaba. Alleo a calquera sospeita de auto-odio que moito despois del algúns inocularon con traizón nos seus descendentes. Non era el un ninguén. Falaba e cantaba ante reis –que os houbo (e nosos!)- e ante labregos, plebeos e peixeiras. Na súa lingua, que é tamén a nosa de hoxe! Ollade, se non, o que escribe e como escribe e sentirás que “como un irmán che fala”... Hai sentimento e emoción, hai fondura coma a dos mares que el leva no seu ollar e no seu rítmico dicir...
En chegando ó Museo do Mar vigués, fun descendendo amodo ata o pequeno belén, agachado, onde loce o pergamiño. Évos unha urna de eternidade ou é, máis ben quizais, unha cova, coviña, que alberga un berce –transparente- convidando a nacer? Amigas e amigos, évos tempo pra nacermos dunha vez e de verdade!