Conmemoración do Día das Letras Galegas
A nosa lingua encóntrase nunha situación de emerxencia, corroborada nos últimos días polo estudo sociolingüístico realizado pola RAG, onde se demostra a súa situación de marxinalidade entre a mocidade, tanto no que respecta á competencia como ao uso. Mais, malia os datos negativos, o goberno galego di sentirse satisfeito e anuncia que continuará practicando a mesma política lingüística. Por iso nós, desde a AC Vagalumes, perante as políticas de desprezo e exclusión levadas a cabo pola Xunta de Galiza, entendemos que segue a ser máis necesario que nunca conmemorarmos o Día das Letras Galegas e celebrarmos o orgullo da nosa literatura e da nosa lingua.
Este ano, a persoa dedicataria do Día das Letras é a poeta, narrradora e tradutora Xela Arias, que escribiu a súa obra desde un fondo compromiso con Galiza e co galego. Cómpre afondar no coñecemento e no estudo da súa obra, pois ofrece moitas das claves para comprender a historia da creación literaria e da evolución social do noso país.
No acto organizado pola AC Vagalumes contaremos coas seguintes intervencións: “Linguaxela”, do mestre e escritor David Otero; “Dereito a vivirmos en galego” do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira; actuación musical de Jásper, Manu García e Patti Castro; e recital poético sobre a obra de Xela Arias:
- O Colectivo RECUNCHO DA LINGUA formado por Natalia, Kenia e Pilar Bernardez, que recitarán o poema colectivo CRISTAL
- Grupo de alumnas e profesoras do IES UN que recitarán: Sara Espiño Baamonde o poema “NON ME GUSTABAN DE NENA OS PELUCHES”, Helena Castaño Pazos “INTEMPESTIVA”, Beatriz Quintela “TES A CARA INCHADA DE PREGUNTAS” e Andrea Pérez Gañete “SÓ PODE SER”
- Tino Regueira recitará o poema de Xoán Xosé Abella “TRÍPTICO PARA XELA ARIAS”, Sabela Carracedo lerá o texto “NON TE AMOLA” e Xosé Luna recitará o poema “ A POESÍA ESTÁ NA RÚA (25 de abril)”.